AGalegaAudio.gal estrea 'Expediente oculto, o pódcast', con Patricia Abet e o xuíz Vázquez Taín - CSAG
AGalegaAudio.gal estrea 'Expediente oculto, o pódcast', con Patricia Abet e o xuíz Vázquez Taín
A nova serie sonora acompaña o formato de TVG con relatos, escritos e narrados por Xosé Antonio Vázquez Taín e introducidos pola xornalista Patricia Abet
Trece relatos sonoros para seguir as pistas, comprender as investigacións e descubrir as claves de casos que deixaron pegada na crónica galega
Trece casos que convidan a unha escoita pausada para afondar nos feitos, nas investigacións e nas decisións xudiciais

Santiago, 6.11.2026.- AGalegaAudio.gal estrea ‘Expediente oculto, o pódcast’, unha serie que leva ao relato sonoro os casos abordados polo programa de TVG do mesmo nome. Patricia Abet e o xuíz Xosé Antonio Vázquez Taín acompañan a audiencia nun percorrido por historias reais que deixaron pegada na crónica galega, desde os primeiros indicios ata as claves que permitiron esclarecer o sucedido.
A proposta amplía a experiencia do programa de televisión cunha narración pensada para escoitar con atención. Cada entrega aborda o mesmo caso que o correspondente episodio televisivo e estréase en paralelo a el, ofrecendo outra maneira de achegarse aos feitos a través da voz, dos detalles e da reflexión.
A voz de Taín e as introducións de Patricia Abet
A xornalista Patricia Abet presenta cada caso e dá paso ao relato de Vázquez Taín, autor e narrador destas historias sonoras. Cunha escrita de carácter narrativo e un ton calmo, pausado e próximo, o xuíz reconstrúe os crimes, explica o avance das pescudas e detense nas circunstancias que marcaron o seu desenlace xudicial.
O ritmo permite reparar en detalles que poden pasar inadvertidos nun primeiro achegamento: unha pegada, unha declaración ou unha contradición que acaba por orientar a investigación. Ao longo dos episodios, Taín incorpora tamén reflexións nacidas da súa experiencia nos tribunais sobre as condutas humanas, as motivacións dos crimes e as consecuencias da violencia.
Trece casos para seguir o fío da investigación
A serie reúne trece entregas que convidan a descubrir como se resolve un crime e que se agocha detrás de cada historia. Que detalle fixo avanzar unhas pescudas que parecían estancadas? Cando deixou de encaixar unha versión dos feitos? Que levou os investigadores a mirar onde ninguén mirara antes?
A estrea chega cos tres primeiros episodios, tres historias con preguntas que tardaron en atopar resposta. ‘O crime de Elisa Abruñedo’ abre a serie cunha investigación que necesitou dez anos para identificar o seu asasino. En ‘Manda’, dedicado ao asasinato de Samuel Luiz, o relato segue o minucioso traballo policial para reconstruír unha agresión colectiva e determinar a participación dos implicados. E en ‘Pola boca morre o peixe’, sobre a morte por estricnina de Felisindo González, un engano agocha a clave dun crime no que o xeito de administrar o veleno acaba por delatar o asasino.
A partir destas primeiras entregas, títulos como ‘Prexuízos’, ‘A morte da inocencia’ ou ‘Verbas’ abren novas historias en que cada indicio pode mudar o rumbo das pescudas. Na voz de Vázquez Taín, a audiencia acompaña ese proceso de descubrimento, entre incertezas, contradicións e achados que permiten reconstruír o sucedido.
O suspense nace dos propios feitos e da maneira en que se vai desvelando a verdade. Cun relato pausado e próximo, cada episodio deixa espazo para escoitar, facerse preguntas e reparar nos detalles. Tamén para reflexionar sobre a condición humana e sobre a pegada que un crime deixa nas persoas que o sofren.