AGalegaAudio.gal estrea este xoves o pódcast 'Historia dun crime', un relato sonoro dos sucesos que conmocionaron Galicia - CSAG
AGalegaAudio.gal estrea este xoves o pódcast 'Historia dun crime', un relato sonoro dos sucesos que conmocionaron Galicia
Conducida por Cristina García, esta nova produción combina investigación xornalística, documentos xudiciais e fondos sonoros do arquivo da RG para ofrecer unha reconstrución completa, ordenada e rigorosa dos feitos
O primeiro episodio aborda o crime de Pazos, ocorrido en Verín en 2015, ao que seguirán, con periodicidade quincenal, algúns dos casos máis impactantes dos últimos anos

Santiago, 26.02.2026.- AGalegaAudio.gal estrea este xoves ‘Historia dun crime’, un pódcast narrativo de true crime que reconstruirá algúns dos sucesos máis impactantes acontecidos en Galicia nos últimos anos, cun enfoque rigoroso e documentado.
Con guión e locución de Cristina García, esta nova produción aposta por unha narración coidada que combina investigación xornalística, documentos xudiciais oficiais e fondos sonoros do arquivo da Radio Galega para ofrecer un relato completo e ordenado dos feitos.
Con deseño sonoro de David Varela e arquivo de son de Ramiro Santos, ‘Historia dun crime’ propón unha viaxe aos feitos tal e como quedaron probados, desde o momento en que se produce o crime ata o desenvolvemento da investigación policial e, cando proceda, o desenlace xudicial.
En cada episodio, Cristina García mergullarase nun caso real, detallando as circunstancias do crime e ofrecéndolles aos seguidores do xénero true crime unha aproximación baseada en datos contrastados e contextualizados, afastada da especulación e centrada no rigor informativo.
O primeiro capítulo, titulado ‘O crime de Pazos’, que estará dispoñible este xoves, trasladará os oíntes a Verín no ano 2015. O que semella inicialmente un intento de roubo nun domicilio da aldea de Pazos, en que unha muller sofre unha brutal agresión, acaba derivando nun desenlace moito máis tráxico. A través dunha reconstrución detallada, o episodio ofrecerá todas as claves para comprender o sucedido.
‘Historia dun crime’ continuará con estreas quincenais, abordando casos como ‘O crime dos Mouriño’, ‘O crime de Ana Enjamio’ ou ‘O crime de Elisa Abruñedo’, entre outros, porque hai historias que deixan pegada, sucesos que conmocionan vilas enteiras e casos que, co paso do tempo, seguen xerando preguntas.
Todos os episodios estarán dispoñibles en AGalegaAudio.gal e nas principais plataformas de pódcast.