div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Ana Guerra, Antonio José e Daniela Blasco encabezan esta noite o cartel do 'Kachucha Fest 2026', desde o Lalín Arena

Xosé R. Gayoso e Aitana del Mar conducen, en directo, este espectáculo con máis dunha ducia de artistas, humor e a entrega dos Premios de Gastronomía de Galicia
 

csag.gal 30/01/2026 00:01

Santiago, 30.1.2026.-   Como antesala á Feira do Cocido de Lalín, Televisión de Galicia emite este venres á noite o especial ‘Kachucha Fest 2026’ (21:40 h) desde o Lalín Arena. Presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar, o espectáculo combina música, humor e tradición, xa que ademais de renderlle homenaxe a este prato senlleiro, entregaranse os XXXII Premios de Gastronomía de Galicia e o Premio de Xornalismo Álvaro Cunqueiro. Un evento en directo que presenta a vertente máis festivaleira da histórica Gala do Cocido.

Un cartel musical moi variado

O ‘Kachucha Fest 2026’ conta cun cartel que mestura artistas consolidados, referentes da música galega e novas voces do panorama actual. Ana Guerra, finalista de 'Operación Triunfo' 2017 e unha das artistas pop máis recoñecidas da súa xeración, chega a Lalín cun repertorio que inclúe éxitos como ‘Contar mentiras’ e ‘Quemar Madrid’. Xunto a ela estará Antonio José, gañador de ‘La Voz’ e autor de varios discos de éxito, que interpretará temas como ‘Luz’ e ‘Noche perfecta’.

Outra artista destacada é Daniela Blasco, unha das artistas emerxentes con maior proxección no pop actual, coñecida pola súa presenza en redes e polos seus temas virais ‘Uh nana’ e ‘Popstars’.

As propostas musicais desta noite especial continuarán co vigués Pikete, unha das voces recoñecibles do xénero urbano español; Javi Maneiro, voz emblemática do rock galego á fronte de Heredeiros da Crus e cunha consolidada carreira en solitario; e a formación galega Festicultores, que combina música festiva e humor cun amplo percorrido nas verbenas e festivais do país.

Tamén actuarán Gabriel Fandi, intérprete galego especializado en ritmos latinos e sons melódicos; Capitán Sabrosura, banda galega que fusiona música tradicional e sonoridades actuais cun marcado ton festivo; Susie Q’s, banda ourensá de rock and roll; así como Rocío Varela e Ana Paz, cantantes vencelladas ás orquestras e á escena musical galega actual.

A vertente máis popular e verbeneira chegará da man de El Combo Dominicano, unha das orquestras máis recoñecidas do ramo, e da Orquestra Cinema, habitual tamén das grandes citas festivas de Galicia. O humor correrá a cargo de Todo mal, proposta cómica moi seguida nas redes sociais.

Música, premios e novo formato no Lalín Arena

O ‘Kachucha Fest 2026’ aposta nesta edición por un concepto máis próximo ao público, cun grande escenario e 400 prazas de pé, que permite vivir as actuacións de xeito máis próximo e directo. Durante a gala entregaranse os XXXII Premios de Gastronomía de Galicia, que recoñecen o restaurante Terra (potenciación da cociña galega), Distribuciones Discarlux (promoción da gastronomía galega), Cortes de Muar (pequeno produtor) e Forjas del Salnés (adega vitivinícola). Ademais, o restaurante A de Rosa recibirá o Premio Pepe Solla ao labor de toda unha vida. No ámbito cultural, o investigador e crítico literario Armando Requeixo recollerá o Premio de Xornalismo Álvaro Cunqueiro.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade