As citas de 'O amor está en Galicia' fan parada en Allariz, entre ganas de volver ilusionarse, ledicia e moito carácter - CSAG
As citas de 'O amor está en Galicia' fan parada en Allariz, entre ganas de volver ilusionarse, ledicia e moito carácter
O programa da TVG leva á vila ourensá catro encontros con historias de segundas oportunidades e primeiras impresións, que buscarán facer saltar a chispa do amor

Santiago, 6.5.2026.- ‘O amor está en Galicia’ (22:40 horas), o dating show da TVG presentado por Paco Lodeiro e Laura Boado, continúa a súa ruta por Galicia con parada en Allariz, onde se desenvolverán dúas novas entregas con catro citas a cegas cheas de contraste, humor e emoción. A vila allaricense, co río Arnoia, o convento de Santa Clara, a Alameda e a estatua do Padre Feijóo como escenario, convértese no punto de encontro de solteiros e solteiras con historias moi diferentes, pero cun mesmo obxectivo: descubrir se pode prender o amor.
No primeiro programa, Mariluz, de 67 anos e natural de Monforte de Lemos, coñece a Alberto, de 57 anos e de Teixeiro, nunha cita marcada polo carácter, a sinceridade e as ganas de volver ilusionarse sen perder a independencia. Ela chega clara, alegre e con moito temperamento; el, sociable, mañoso e con toda unha vida ás costas, disposto a comprobar se aínda hai espazo para unha nova historia.
Tamén en Allariz, Diego, de 26 anos e enfermeiro de Bertamiráns, sorpréndese ao coñecer a Xavi, de 30 anos, natural de Castelló e asentado en Lobios. Nun encontro entre a UCI e unha funeraria, os dous falarán sen medo de intensidade, coidados, futuro, animais, relacións serias e das ganas reais de atopar alguén con quen compartir vida.
Na segunda entrega, o programa recupera a historia de Rut, de 26 anos e natural de Barbadás, que chega a esta cita despois dunha experiencia persoal que se fixo viral. Directa, intensa e co fútbol moi presente na súa vida, coñecerá a Serxio, de 31 anos e de Vila de Cruces, un home abstemio, con carácter e coas ideas claras sobre o que quere e o que non quere nunha relación.
A última cita estará protagonizada por Miriam, de 20 anos e de Narón, unha moza hiperactiva, intensa e guiada polas estrelas, e Miguel Ángel, de 27 anos e de Padrenda, traballador de mantemento, verbeneiro, despistado e con sentido do humor. Entre horóscopos, madurez, vodas, verbenas e formas moi distintas de entender o amor, ambos descubrirán se a primeira impresión abonda para que salte a chispa.
Con Allariz como pano de fondo, ‘O amor está en Galicia’ mestura nesta dobre entrega historias de madurez, primeiras oportunidades, segundas voltas e encontros inesperados en que cada decisión só se coñecerá ao final da cita.
