As músicas de María Vidal, Mariana Pérez, Patricia Sobreira e Los Caños, protagonistas no 'Luar' deste venres - CSAG
As músicas de María Vidal, Mariana Pérez, Patricia Sobreira e Los Caños, protagonistas no 'Luar' deste venres
A edición, dedicada aos alcumes, contará tamén cos sons da Orquestra Finisterre, co humor de Rosita de Penelas e Todo Mal, coa maxia de Joaquín Matas e cos novos talentos de ‘Recantos’

Santiago, 2.10.2026.- A música, o humor e a tradición son os ingredientes dun novo venres en ‘Luar’ (21:45 h), nunha edición dedicada aos alcumes. Os presentadores Xosé Ramón Gayoso e Laura Boado conducirán unha noite, que reunirá sobre o escenario artistas de estilos moi diversos.
A andaluza María Vidal, unha das voces máis elegantes da copla española, ofrecerá en ‘Luar’ o emblemático ‘Te he de querer mientras viva’, tema inmortalizado orixinalmente por Marifé de Triana. Noutros estilos, cómpre salientar as intervencións da intérprete e compositora viguesa Mariana Pérez, que presentará a canción ‘Por si vuelves’, e da cantante e pandeireteira do Val Miñor Patricia Sobreira, que interpretará ‘Ai, que rabia teño!’.
A velada contará, ademais, coa presenza de Los Caños, o popular grupo gaditano que marcou unha xeración co seu pop melódico, regresa ao estudio de ‘Luar’ para interpretar dous dos seus temas máis coñecidos, ‘Niña piensa en ti’ e ‘Planeta azul’. Completa a oferta musical da noite a actuación da Orquestra Finisterre, unha das formacións galegas máis coñecidas do panorama verbeneiro.
No apartado dos ‘Recantos’ vivirase a estrea de dúas novas aspirantes, Antía, recanteira de Arzúa, e Noelifornia, representante da Terra Chá, que se subirán por primeira vez ao escenario do espazo. As súas actuacións serán valoradas polo xurado desta temporada, integrado por Nuria Lorenzo, Cristina Castaño e Manuel DeAndrade.
O humor chegará da man de Rosita de Penelas, personaxe interpretada por Patricia Vázquez, e tamén de Carla e Marcos, Todo Mal, que achegarán a súa divertida visión da vida. E para finalizar, o Mago Joaquín Matas sorprenderá o público cos seus números de ilusionismo.