div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

As músicas urbanas gañan protagonismo na nova tempada de Radio Galega Música

‘Polisón’ abre unha fiestra ás músicas urbanas e de vangarda, con Iván Mera á fronte dun espazo de inmersión sonora

Os clásicos regresan: da música do mundo de ‘Tres Peixes Voando’ ao folk de ‘Lume na Palleira’ ou o rock de ‘O Lobo Urbano’

MJ Pérez achega a lusofonía á grella con ‘De lá para cá’, un programa que conecta Galicia coa música portuguesa actual
 

csag.gal 14/09/2025 10:00

Santiago, 14.09.2025.-  Radio Galega Música inicia a súa nova tempada o luns 15 de setembro cunha programación que combina continuidade e renovación. Unha das principais novidades chega da man de ‘Polisón’, o espazo dirixido por Iván Mera, que cada venres ás 22:00 horas ofrecerá unha inmersión nas músicas urbanas e de vangarda: da electrónica ao hip hop, pasando polo dub, o funk ou as últimas tendencias globais. O programa dará voz e espazo a artistas e selos galegos e tamén os últimos traballos de discográficas internacionais. A proposta inclúe monográficos, entrevistas, rescate de rarezas discográficas e análises sobre a influencia destes estilos na música actual, desde o trap ata o reggaeton.

Outra das novidades, desta volta para o domingo ás dez da noite, virá da man da artista arzuá MJ Pérez que será a encargada de estreitar lazos co país veciño en ‘De lá para cá’, un programa que traerá a música portuguesa actual, tanto mainstream como independente, ademais do fado, a música tradicional e mesmo a súa relación co cinema.

Os luns á noite será a quenda de ‘Raizame’, conducido por Óscar Losada, un espazo que ofrece a lista europea das músicas internacionais, con especial atención tamén á lusofonía, ás músicas de raíz e ás propostas máis creativas alén do pop estándar. O martes ás dez regresará ‘O lobo urbano’, co histórico Charli Domínguez, membro de Los Suaves, para mergullarse no universo do rock. O mércores, Manuel de Lorenzo dará vida a ‘Cara B’, un programa delicatessen para mitómanos e melómanos que revisa as pequenas e grandes anécdotas que marcaron a historia da música. As noites dos xoves estarán reservadas para ‘Ondas indies’, presentado por Víctor López, que funciona como escaparate da música indie pop a nivel mundial, con novidades, entrevistas e un repaso polos principais concertos e festivais. 

A nova tempada trae tamén o reencontro cos programas de referencia da emisora. Tres ‘Peixes voando’, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández, volverá abrir cada domingo ás tres da tarde unha xanela ás músicas do mundo. Pola súa parte, Emilio Españadero recuperará a súa cita co público a través de ‘Lume na palleira’, especializado en folk e música tradicional, pero atento tamén ás propostas chegadas doutros lugares, que se poderá escoitar ás cinco da tarde.

Radio Galega Música mantén a súa esencia como canle de compañía, con programación musical as 24 horas do día, ofrecendo unha coidada selección de éxitos de todos os tempos e unha radio fórmula adaptada ás preferencias do público galego. A emisora organiza a súa oferta en catro grandes momentos: a fórmula espertador para comezar o día, a música que acompaña as horas de traballo, unha sobremesa máis melódica e, xa a última hora da tarde, a chamada ‘música para a volta á casa’, que acompaña os condutores no regreso das súas actividades cotiás. A grella complétase con outras canles musicais do grupo público. Son Galicia Radio continúa o seu labor de emitir música galega en galego as 24 horas do día e os 365 días do ano, mentres que Radio Picariña, a canle infantil e xuvenil, manterá unha programación variada para este outono-inverno. 

Todos estes espazos estarán dispoñibles tamén en formato dixital a través de AGalegaAudio.gal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade