As Muxicas, Charli e as drags Ketty Pin e Ketty Pon, entre as protagonistas dunha nova noite de 'Talentos extraordinarios' - CSAG
As Muxicas, Charli e as drags Ketty Pin e Ketty Pon, entre as protagonistas dunha nova noite de 'Talentos extraordinarios'
Acordeón, patinaxe, salsa, rock e grandes voces completan unha gala con aspirantes chegados de Vigo, Pontevedra, Betanzos, Cervo, Bertamiráns, Forcarei e Narón

Santiago, 28.6.2026.- A TVG emite esta noite, ás 22:00 horas, a terceira entrega de ‘Talentos extraodinarios’, o gran concurso de talentos que percorre Galicia na busca das persoas máis sorprendentes, singulares e fascinantes do noso país.
Este domingo, o talento chega desde Vigo, cun dos grupos de danza urbana máis premiados de Europa, as viguesas Muxicas. Hoxe destacará tamén Carlos Jiménez ‘Charli’, un showman, procedente de Cervo, capaz de improvisar cancións e facerche rir ao mesmo tempo. Unha desas figuras únicas que non se vén con frecuencia e que porá patas para arriba o estudio.
De Pontevedra participa Alba, unha patinadora que intentará sorprender o xurado para conseguir ese triplo voto do xurado necesario para chegar á final. O grupo de baile Salsa Nova, de Betanzos, formada por varias parellas de bailaríns cunhas espectaculares coreografías a ritmo de salsa, porá a nota máis latina da noite. Adriana, unha nena cantante de Bertamiráns, vai ser capaz de poñer os pelos de punta a quen a escoite cantar coa súa técnica e sensibilidade.
José Andrés, un mozo acordeonista de Forcarei, intentará conseguir os votos do xurado coas súas versións de cancións galegas, como o famoso ‘Galo’. As drags Ketty Pin e Ketty Pon chegan desde Vigo coa súa proposta visual interactiva e arriscada para provocar a espectadores e xurado. Por último, Nuria é unha roqueira de Narón que pasou a interpretar temas en solitario despois de facelo cos seus pais durante moitos anos, tamén cantantes e con moita experiencia na verbena galega.