Cantabria-Obradoiro e Palma-Basquet Coruña, esta fin de semana na G2 e na Galega - CSAG
Cantabria-Obradoiro e Palma-Basquet Coruña, esta fin de semana na G2 e na Galega
A penúltima xornada da Primeira FEB pode ser decisiva para o ascenso á Liga ACB

Santiago, 28.4.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) retransmitirá a través de G2 e da plataforma AGalega.gal os dous partidos dos nosos equipos na penúltima xornada da Primera FEB, na que o Monbus Obradoiro e o Leyma Basquet Coruña xogan por lograr o ascenso directo á Liga ACB.
O sábado 2 de maio ás 19:00 horas, a G2 e AGalega.gal ofrecerán en directo o Cantabria–Monbus Obradoiro, que se disputará no pavillón Fernando Trueba de Torrelavega. O conxunto compostelán, dirixido por Diego Epifanio, chega a este encontro dependendo de si para acadar a primeira praza da clasificación xeral.
Ao día seguinte, o domingo 3 de maio ás 18:00 horas, os espectadores poderán seguir o Palma–Leyma Basquet Coruña desde o pavillón Son Moix. O equipo da cidade herculina, líder da competición e baixo as ordes de Carles Marco, pecha a súa fase regular a domicilio en Mallorca coñecendo de antemán o resultado do Obradoiro.
Os dous equipos galegos perseguen un mesmo soño. Obradoiro e Basquet Coruña levan meses protagonizando un duelo épico pola única praza de ascenso directo á ACB, a categoría máis alta do baloncesto español. A diferenza entre os dous é mínima e a clasificación final non se resolverá ata os últimos minutos desta penúltima xornada, o que converte a fin de semana do 2 e 3 de maio nunha cita ineludible coa segunda canle da TVG e coa plataforma AGalega.gal.