div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Celta-Mallorca, partido da xornada este domingo no 'Galicia en Goles'

O sábado, a Radio Galega ofrecerá desde Riazor o Deportivo-Éibar

As retransmisións comezan xa este venres, coa Primeira Federación de baloncesto, en que o líder, o Básquet Coruña, recibe o histórico Estudiantes

csag.gal 20/02/2026 11:32

Santiago, 20.02.2026.-    A fin de semana de retransmisións na Radio Galega e AGalegaAudio.gal principia este venres ás 20:30 h coa primeira entrega de ‘Galicia en Goles’. O baloncesto da Primeira Federación é o protagonista no Coliseum, onde o líder, o Básquet Coruña recibe o histórico Estudiantes. O cadro madrileño perdeu o pasado sábado no Paco Paz ante o Ourense e xa está descartado para a praza de ascenso directo, polo que un curso máis terá que pelexar polo regreso á ACB nos play-off

O fútbol tamén estará presente no programa, co desenlace do derbi galego da Primeira RFEF que disputan na Malata o Rácing de Ferrol e o Celta Fortuna. O filial celeste continúa na segunda praza da clasificación, mentres o cadro departamental confirmou a melloría no Rodríguez López sumando os puntos ante o primeiro clasificado e ascendendo ata a cuarta praza da táboa.

O sábado, a partir das 14:15 h, o fútbol sala estará presente co desenlace do Noia-El Pozo Murcia, da Primeira División. A continuación, a Segunda División profesional será o argumento principal co enfrontamento en Riazor entre o Deportivo da Coruña, que acaba de perder en Castalia, e o Éibar, que acumula cinco xornadas sen coñecer a derrota. Logo chegará un derbi de históricos en Pasarón, entre o Pontevedra e o Club Deportivo Lugo. Os dous están facendo méritos para entrar ao final da competición regular na fase de ascenso ao fútbol profesional. Tamén o campo de Espiñedo acollerá un encontro atractivo do calendario, coa visita ao Arenteiro do líder do grupo primeiro, o Tenerife

O baloncesto reserva no Paco Paz o Ourense-Mallorca, correspondente á Primeira FEB. Dentro do polideportivo, a Copa Federación de waterpolo será outro punto de directo, coa semifinal Pontevedra-Barcelona e, no hóckey sobre patíns, o Liceo, líder da OK Liga, parte como claro favorito ante o San Just.                                                                     

Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 12:00 h con dobre cita na Segunda RFEF: Fabril-Numancia e Coruxo-Sarriana. Ás 14:15 h, a sesión de tarde xirará arredor de Balaídos, onde o Celta aparca a Europa League por unhas horas para regresar á competición doméstica recibindo o Real Mallorca. O equipo apenas tivo tempo para preparar este compromiso, despois de chegar o venres pola mañá de Salónica, onde deu un paso adiante para superar a eliminatoria, tras gañar por 1-2. 

A tarde futbolística complétase co Guadalaxara-Ourense C. F., de Primeira RFEF, o U. D. Ourense-Raio Cantabria, de Segunda RFEF, e a xornada do grupo galego da Terceira RFEF. Ademais, haberá derbi galego de baloncesto na máxima categoría feminina, co Ensino Lugo-Baxi Ferrol no Pazo.

#GaliciaEnXogo

O domingo, contra as 23:00 h, a última hora do ‘Galicia en Goles’ abrirá unha fiestra ao proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Na primeira media hora, o espazo está dedicado ao mundo do motor no treito final da pretemporada e ao desenvolvemento dos rallys virtuais. A partir das 23:30 h chegará o tempo da entrevista aos galegos que se preparan durante este ciclo olímpico dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade