Celta-Osasuna, este xoves pola tarde na FM da Radio Galega e na plataforma AGalegaAudio.gal - CSAG
Celta-Osasuna, este xoves pola tarde na FM da Radio Galega e na plataforma AGalegaAudio.gal
O partido foi aprazado o pasado 16 de agosto polo mal estado do terreo de xogo

Santiago, 26.08.2026.- A Radio Galega e a plataforma AGalegaAudio.gal emiten este xoves, no programa ‘Galicia en Goles’, o partido da Primeira División de fútbol entre o Celta de Vigo e o Osasuna de Pamplona. Roberto Carlos Carballo porase ao mando do Estudio 2 a partir das 19:30 e ata as 23:00 h, cun equipo de profesionais integrado por Víctor López na narración, Gonzalo Alonso nos exteriores, Ramón Carnero e Xosé Valtierra na análise táctica e o árbitro Uxío Caamaño ‘Mr Asubío’ para explicarlle á audiencia as chaves do regulamento.
Este encontro corresponde á primeira xornada da Liga, xa que foi aprazado o pasado día 16 de agosto polo mal estado do céspede de Balaídos. Os dous xa xogaron a súa segunda xornada ligueira. O Celta empatou sen goles no seu desprazamento a Mestalla fronte ao Valencia, mentres que o Osasuna sumou tamén un punto ao empatar 0-0 no Sadar ante o Levante.O mercado de fichaxes tamén deixou movemento nas últimas horas para o conxunto vigués. O Celta oficializou a incorporación do extremo neerlandés Couhaib Driouech, procedente do PSV Eindhoven por preto de 7 millóns de euros. O futbolista asinou contrato ata xuño de 2030 e convértese na quinta incorporación céltica do verán. Ademais, a entidade traballa xa na chegada de Stefan Bajcetic, que podería converterse na sexta fichaxe da campaña, aínda que o seu destino nun principio vai ser o equipo filial que compite na Segunda División.
A terceira xornada da Primeira División, o domingo
O ‘Galicia en Goles’ continuará durante a fin de semana transmitindo a emoción do deporte con especial atención ao fútbol profesional. Así, a tarde e a noite do domingo 30 de agosto van ter unha intensa sesión continua desde Riazor e desde Balaídos. O Deportivo recibe o Valencia, tras encadear dous empates ante o Elx e o Málaga con dous goles da súa estrela Aubameyang. Mentres, o Celta volve xogar na casa, desta volta ante o Athlétic de Bilbao, que tamén ten partido entre semana, xa que o xoves visita o Barcelona no Camp Nou.
O sábado, a Radio Galega contará o comezo da Primeira RFEF, con especial atención á estrea da Unión Deportiva Ourense na categoría, recibindo o histórico S. D. Ponferradina. O programa tamén atenderá a visita do Rácing de Ferrol a Getxo para medirse ao Arenas e ao regreso do Fabril á categoría de bronce xogando no estadio Romano ante o Mérida.
O sábado e o domingo, a programación deportiva da Radio Galega comezará 14:15 h coa edición informativa e volverá ás 17:00 h e ata as 00:00 h coas retransmisións dos partidos.