A TVG e a Radio Galega brillan con 17 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival 2025 - CRTVG
A TVG e a Radio Galega brillan con 17 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival 2025
As películas ‘As Neves’ e ‘Xustiza artificial’ competirán na categoría de mellor filme e a Radio Galega está entre as seleccionadas como mellor estación de radio do ano
Kiko Novoa é candidato ao presentador do ano en Radio, e o cirurxián Diego González Rivas é candidato con ‘Curando o mundo’ na categoría en Factual Series
Os galardóns entregaranse en xuño en Cornualles, na 46 edición do certame

Santiago, 07.03.2025.- A CRTVG segue consolidándose como un referente da produción audiovisual galega e internacional ao obter 17 candidaturas no prestixioso certame dos Premios Celtic Media Festival. O evento, que se celebrará entre o 3 e o 5 de xuño en Newquay, Cornualles, recoñece os mellores traballos do sector en televisión, radio e novos medios dos países celtas, onde a TVG compite con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3.
Entre as producións que optan aos galardóns atópanse ficcións, documentais, programas de entretemento e proxectos radiofónicos que reflicten a diversidade e a calidade da programación da CRTVG.
A ficción galega, unha aposta forte
En Single Drama (filme dramático), hai dúas apostas destacadas: ‘As Neves’, a ópera prima de Sonia Méndez, que mergulla o espectador nun drama adolescente ambientado nunha vila ficticia, e ‘Xustiza artificial’, un thriller dirixido por Simón Casal que explora os dilemas do uso da intelixencia artificial na xustiza, cun elenco encabezado por Verónica Echegui e Alberto Amman.
Na categoría de Drama Series, a CRTVG compite con ‘Na Gloria’, comedia que combina retranca, costumismo surrealista e humor absurdo. Protagonizada por Cristina Castaño e Dani Rovira, a serie retrata con ironía o choque entre o mundo urbano e o rural.
Do documental ao entretemento
A CRTVG tamén destaca no xénero de Sucesos actuais (Current Affairs) con ‘O que a G esconde. Caso Asunta: o home que sabía demasiado’, unha análise do mediático caso de Asunta Basterra Porto a través de imaxes de arquivo, reportaxes e entrevistas, algunhas delas inéditas. Recoñecen tamén o valor de ‘A grande epopea de Galicia’, coas historias que hai detrás da diáspora galega, no apartado de Historia.
En Factual Series, compiten ‘Os ríos da vida’, unha serie que percorre os cursos fluviais galegos explorando as historias que agochan; e ‘Curando o mundo’, un seguimento do cirurxián Diego González Rivas na súa misión de ensinar polo mundo a súa innovadora técnica de cirurxía pulmonar minimamente invasiva.
No ámbito do Entretemento, ‘Chegou o día’, que ofrece un percorrido polas festas máis destacadas do verán, mentres que ‘Pesca total’, un reality en que seis concursantes compiten por converterse en mariñeiros a bordo do barco Praia de Sanxenxo, opta a premio en Factual Entertainment (Entretemento baseado en feitos reais).
A forza da Radio Galega
A CRTVG tamén destaca no medio radiofónico. Kiko Novoa é candidato a Presentador do Ano, e a Radio Galega opta ao recoñecemento como Mellor Estación de Radio. Ademais, o magazine ‘A Tarde’, presentado por Antón Rebollido, compite en Entertainment - Sound, mentres que ‘Como que non?!’, o programa de humor e variedades de Carlos Tresandí, participa na categoría Comedy-Sound.
Outras candidaturas relevantes inclúen: ‘Sesión fóra de sitio’ (Programa Música en Vivo), que amosa o traballo de intérpretes galegos emerxentes en lugares inesperados e diferentes; ‘Recollendo músicas’ (Arte), unha serie que explora a pegada da música tradicional galega nas composicións actuais; ‘Os Bolechas. Historia de Galicia’ (Infantil), que repasa de forma amena a historia galega desde o Paleolítico; e ‘Raíña-me’ (Short Form), en que a artista Alexa Evans axuda a transformar a estética de persoas que queren converterse en auténticas drag queens.
O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.
