Chegan esta noite as primeiras coreografías en parella de 'Bailamos', nunha segunda gala marcada pola tensión e as emocións - CSAG
Chegan esta noite as primeiras coreografías en parella de 'Bailamos', nunha segunda gala marcada pola tensión e as emocións
O xurado amosarase máis esixente ca nunca tras uns ensaios en que os concursantes se coñeceron máis e xurdiron xa os primeiros roces

Santiago, 28.02.2026.- A Televisión de Galicia emite este sábado a segunda gala de ‘Bailamos’ (22:00 h), o formato revelación de baile e reality presentado por Arturo Fernández. Tras coñecer na primeira entrega os 12 concursantes oficiais, agora comeza o concurso puro e duro e chegan as actuacións en parella.
Seis estilos e unha soa pista de baile porán a proba conexión, coordinación e química nunha gala que promete intensidade. Durante a semana na academia, os aspirantes tamén tiveron que ‘mollarse’ nun xogo de poñer etiquetas entre compañeiros, unha dinámica que serviu para crear vínculos, pero que tamén deixou ver as primeiras tensións entre os participantes.
A noite abrirase cun número especial dos mestres, David Freire, Iria Veiga e Raúl Rodríguez, fundamentais na preparación técnica e no traballo interpretativo e emocional, porque en ‘Bailamos’ non abonda con executar pasos: hai que conectar co público e co xurado.
A gala estará marcada polas primeiras valoracións tras a estrea, cos concursantes inquedos polo respecto que lles impón o xurado. Ao final do programa, Javier Castillo ‘Poty’, Tania Zapata e Jaime Pablo Díaz adxudicaranlles entre 1 e 12 puntos, coa tensión ata o último momento para coñecer quen acada a máxima puntuación e se proclama gañador ou gañadora deste primeiro programa, achegándose un pouco máis aos 10.000 € do premio final.
Despois da rolda de puntuacións, activarase a ruleta, que decidirá as novas parellas e estilos do próximo programa. Xogos, improvisacións e sorpresas completarán a noite, coa presenza de familiares e amizades no público. Especialmente emotiva será a visita da influencer Rebeca Stones (@rebecastones), mellor amiga dunha das concursantes.