div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Chegan novas series infantís e de anime ás plataformas dixitais da CRTVG este mes de febreiro

Desde os emblemáticos Shin Chan, Doraemon e Samurai Champloo, ata iconas como Heidi e Abella Maia ou Bibopalula, a primeira serie musical infantil en galego

Unha programación diversa para todos os públicos, que combina clásicos da animación e amplía o catálogo de producións xaponesas e máis tempadas das series favoritas da rapazada
 

crtvg.gal 04/02/2025 14:13

Santiago, 04.02.2025.-   O mes de febreiro trae variadas estreas para o público infantil e xuvenil, tanto en Xabarin.gal como na sección de anime de AGalega.gal. As plataformas actualizan a súa programación con máis cine de animación, series clásicas remasterizadas, novas aventuras para os máis pequenos e a chegada de animes emblemáticos en galego.

Shin Chan viaxa ao Xapón feudal e Doraemon descobre a súa orixe

A primeira estrea chega o venres 7 de febreiro, co lanzamento en Xabarin.gal do filme ‘Shin Chan e o pequeno samurai’. Nesta nova aventura, Shin Chan é teletransportado ao período Sengoku tras atopar unha misteriosa carta no seu xardín. Alí coñece a Matabe, un samurai ao que lle salva a vida. Mentres tanto, os seus pais buscan a maneira de viaxar ao pasado para rescatalo e, de paso, axudan a impedir o asedio dunha cidade.

O venres 21 será a quenda da longametraxe ‘O nacemento de Doraemon’, que explora a orixe do famoso robot azulado. Fabricado inicialmente como un autómata para coidar nenos, un erro de fabricación convérteo nun robot zoupón pero entrañable. A historia amosa como Doraemon se converte no inseparable amigo de Nobita, despois de ser enviado ao pasado polo seu primeiro dono, Sewashii. 

Este mesmo día tamén se estrean 26 novos capítulos de ‘A abella Maia’, que continúan a súa viaxe descubrindo a natureza.

Heidi remasterizada e novas aventuras en Bibopalula

O venres 14 chega ‘Heidi’ remasterizada, unha serie clásica dirixida por Isao Takahata, cofundador do Studio Ghibli. Heidi, unha nena orfa, vai vivir co seu avó nos Alpes suízos, onde descubrirá a maxia da natureza e fará novos amigos como Pedro, o pastor. 

Para o público máis pequeno, o venres 28 estrearanse 15 novos capítulos de ‘Bibopalula’. A serie segue as aventuras da Banda do Bosque, formada por un paporrubio, un merlo, unha pega e un picapau, que exploran os ciclos da natureza a través da música e a amizade. Pensada para nenos e nenas en idade preescolar, entre 3 e 6 anos, ‘Bibopalula’ busca acompañar as primeiras miradas sobre o medio natural.

O mellor do anime en galego con Samurai Champloo

A maiores, a sección de anime de AGalega.gal amplía o seu catálogo co lanzamento dos primeiros 5 capítulos de ‘Samurai Champloo’. Esta serie de culto combina acción, humor e unha estética única, seguindo as aventuras de Fuu, unha moza decidida a atopar o “samurai que cheira a xirasois”, acompañada de Mugen, un espadachín impulsivo, e Jin, un ronin tranquilo e estoico.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade