div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Coa presenza de Teté Delgado, Panorama City e Artestudio Formación, 'Bailamos' ofrecerá hoxe un auténtico espectáculo

Tango, contemporáneo, lambada, música dos 80 e cabaré serán protagonistas nunha gala (22:35 h) en que os concursantes volverán demostrar o seu talento, pero tamén a importancia de apoiarse entre eles

csag.gal 27/09/2026 00:01

Santiago, 27.9.2026.-    Nunha nova entrega do programa 'Bailamos', os espectadores da TVG asistirán hoxe a unha velada de novos retos e estilos moi diferentes, pero tamén de emocións, sentimentos e moito compañeirismo. A gala abrirá coa festa de Panorama City, que ofrecerá dúas actuacións e quedará durante toda a noite para vivir de preto a competición. Tania Zapata recibirá con especial ilusión a orquestra e mesmo explicará a diferenza entre Panorama e Panorama City.

Tamén estará Teté Delgado como ‘Celebrity’ desta gala, en que bailará con Emma. As dúas levarán ao escenario todo o espírito do cabaré ao ritmo de ‘Money, Money’. Ademais, Teté sorprenderá ao demostrar que ten máis relación coa danza do que podería parecer. 

A danza galega chegará da man de Artestudio Formación, un grupo de rapazas da Coruña que presentará unha proposta que mestura o tradicional galego coa danza contemporánea. 

Na categoría ‘Playback’, Marinés converterase en Rihanna. A concursante afrontará o reto coa intención de amosar unha versión máis segura de si mesma e gozar dunha experiencia que tamén lle está permitindo superar algunhas das súas propias inseguridades. 

Ademais, Martín e Sara enfrontaranse ao tango; Álex e Mauro apostarán por un emotivo contemporáneo; Noelia e Brais levarán a sensualidade da lambada ao escenario; e Rafine e Juanogy viaxarán ata os anos 80 ao ritmo de Rick Astley. Gisela e Febres, pola súa parte, montarán unha auténtica verbena con ‘La Ventanita’, mentres que Alejandra e Alis afrontarán unha complexa coreografía con tacóns. 

Pero se algo marcará este programa de ‘Bailamos’ será o apoio entre os concursantes. As palabras bonitas, o recoñecemento ao traballo dos compañeiros e a capacidade para estar ao lado dos demais volverán demostrar que, aínda que todos compiten por gañar, hai unha familia que se está construíndo sobre a pista. Esa conexión será especialmente visible nun dos momentos máis emotivos da noite, cando Jaime Pablo Díaz comparta unha parte da súa propia historia, que levará a falar de autoesixencia, medos e saúde mental. 

E todo isto sen esquecer que a competición está cada vez máis difícil, xa que a variedade de estilos, a esixencia das coreografías e a evolución dos participantes poñen o xurado ante un reto maior en cada gala. ‘Bailamos’ continúa así avanzando entre baile, emoción e compañeirismo, cunha clasificación cada vez máis apertada e os 10.000 euros de premio final en xogo. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade