Comeza a rodaxe da comedia 'Coworkinaos', a primeira coprodución de ficción entre a TVG e a TPA - CSAG
Comeza a rodaxe da comedia 'Coworkinaos', a primeira coprodución de ficción entre a TVG e a TPA
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia xunto coa Radiotelevisión do Principado de Asturias impulsan o proxecto ‘Asturias e Galicia crean ficción’ e promoven oportunidades para o sector audiovisual das dúas comunidades
A ficción grávase en galego e asturiano, cun elenco das dúas comunidades, e foi presentada este martes nos estudios da rodaxe en Asturias
Pola parte galega conta con Esther Estévez na súa primeira incursión no mundo da ficción

Santiago, 24.2.2026.- Este martes arrincou en Asturias a rodaxe de ‘Coworkinaos’, unha serie de comedia con moita retranca ambientada na contorna rural asturgalega. É ademais a primeira coprodución de ficción entre as canles públicas galega e asturiana.
O inicio da rodaxe celebrouse en Morcín (Asturias), cunha visita aos estudios e unha presentación en que Lucía Herrera, directora de antena da RTPA, e Montse Besada, xefa de Contidos da CSAG, deron a coñecer coñecer os detalles da serie destacaron a relevancia desta alianza para o impulso do sector audiovisual galego e asturiano e abrir novas vías de colaboración.
A serie, gravada en galego e asturiano, retrata con humor e ironía, a vida cotiá nun coworking rural inspirado na realidade do teletraballo e no retorno ao campo. Seis personaxes principais de distintas xeracións e con distintas miradas sobre o traballo e a vida compartirán espazo e crearán situacións de tensións, diversión e moito enredo.
O elenco reúne talento galego e asturiano, reforzando o carácter transfronteirizo do proxecto, con Elena Seijo, Esther Estévez e Anxo Branco, pola parte galega, e a Eduardo Antuña, Félix Corcuera e María Cotiello, pola asturiana. Xuntos formarán unha peculiar ‘familia’ improvisada en que chocan egos e expectativas, dando lugar a situacións próximas e moi recoñecibles.
‘Coworkinaos’ enmárcase na convocatoria ‘Asturias e Galicia crean ficción’, creada para impulsar a produción de proxectos conxuntos nun modelo compartido capaz de xerar contidos con identidade propia e vocación de proxección máis aló de cada territorio. A CSAG e a RTPA dan así un paso estratéxico na súa colaboración, avanzando nun modelo de coprodución que fortalece os lazos culturais e lingüísticos e abre novas oportunidades para o sector nas dúas comunidades autónomas.
