CRTVG e RTPA estreitan lazos culturais entre Galicia e Asturias cunha convocatoria pioneira de ficción - CRTVG
CRTVG e RTPA estreitan lazos culturais entre Galicia e Asturias cunha convocatoria pioneira de ficción
A iniciativa ‘Asturias e Galicia crean ficción 2025’ foi asinada este mércores en Gijón e promove a colaboración entre profesionais dos dous territorios
As dúas radiotelevisións públicas buscan unha sitcom, que discorra argumentalmente entre ambas comunidades e combine creatividade, identidade cultural e proxección internacional

Santiago, 05 de marzo de 2025.- A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Radiotelevisión do Principado de Asturias (RTPA) lanzan unha convocatoria conxunta para a selección dun proxecto audiovisual pioneiro, en formato sitcom, coa finalidade de consolidar unha ponte cultural entre ambas comunidades autónomas a través da ficción televisiva.
A iniciativa ‘Asturias e Galicia crean ficción 2025’ foi asinada este mércores en Gijón por Lucía Herrera, directora de Antena de RTPA e Fernando R. Ojea, director de Contidos da TVG.
Cun orzamento de 50.000 euros (IVE non incluído), o proxecto busca promover a colaboración creativa entre profesionais galegos e asturianos establecendo un modelo de referencia para a colaboración entre ambas canles e combinando a identidade cultural local coa posibilidade de explotación comercial no ámbito internacional.
O proxecto seleccionado deberá desenvolver un capítulo duns 30 minutos de duración, garantindo unha presenza equilibrada de ambas dúas linguas e unha representación equitativa de intérpretes de Galicia e Asturias, cun elenco actoral principal composto por un mínimo de 4 persoas. A rodaxe realizarase en territorio galego e/ou asturiano baixo un sistema de gravación multicámara. A sitcom deberá ser apta para todos os públicos ou, na súa falta, non recomendada para menores de 7 ou 12 anos.
A convocatoria está aberta a produtores audiovisuais independentes da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, que poderán presentar unha única solicitude ata o 30 de abril de 2025. O guión definitivo deberá estar listo antes do 31 de agosto e a produción finalizada antes do 20 de decembro de 2025. O proxecto valorará a orixinalidade, a calidade creativa e narrativa, así como a técnica, a identidade cultural e o compromiso coa sustentabilidade. Con esta iniciativa, a CRTVG e a RTPA teñen por obxectivo crear unha experiencia piloto que permita explorar novas vías de colaboración para o futuro.
Para máis información sobre as bases da convocatoria, pódense consultar as webs da RTPA (www.rtpa.es) e da CRTVG (https://crtvg.gal/).
* Na imaxe, Lucía Herrera, directora de Antena de RTPA e Fernando R. Ojea, director de Contidos da TVG, xunto coa xefa de Contidos da TVG, Montse Besada