De Suráfrica a Viveiro, ‘O amor está en Galicia’ propón catro citas entre o rock, o mar e o contraste cultural - CSAG
De Suráfrica a Viveiro, ‘O amor está en Galicia’ propón catro citas entre o rock, o mar e o contraste cultural
Nas dúas novas entregas desta noite, solteiros de Galicia e de fóra poñen a proba a conexión e as segundas oportunidades

Santiago, 8.4.2026.- ‘O amor está en Galicia’ (22.40 h) continúa a súa ruta este mércores facendo parada en Viveiro, unha vila marcada polo mar, a historia e tamén pola súa enerxía musical. Nun escenario recoñecido polo espírito do Resurrection Fest, o formato propón dúas novas entregas en que o amor deberá demostrar se realmente prende.
No primeiro programa, Paco Lodeiro e Laura Boado presentan dúas citas con perfís moi distintos. Uxía, de Foz, busca conexión e complicidade nun encontro con Iván, sanitario da Coruña decidido a formar unha familia. Un encontro onde o futuro e as expectativas serán clave. Pola súa banda, o amor cruza fronteiras coa chegada de Nicola, profesora de Suráfrica afincada en Galicia, que coñece a Iván, coñecido como Míster Lugo, un home esixente e con forte personalidade. A química entre ambos marcará o rumbo dunha cita onde o contraste cultural será protagonista.
Na segunda entrega, o programa regresa a Viveiro cunha metáfora moi ligada á zona: a pesca da pescada ao pincho, un proceso selectivo onde só triunfa a mellor conexión. Mari Carmen, de Burela, busca recuperar a ilusión xunto a Suso, da Laracha, un home independente con ganas de compartir. Un encontro marcado pola madurez e polas segundas oportunidades. Ademais, Adrián, veciño de Viveiro, dá o paso de volver ao amor tras anos de solteiría nun encontro con María, da Coruña, unha muller optimista e coas ideas claras.
Entre referencias á historia local, ao espírito festivo e á cultura musical, ‘O amor está en Galicia’ mantén o seu ton fresco e próximo, consolidando unha linguaxe propia onde xa non se fala de ‘match’, senón de ‘prender’.
