TVG retransmitirá 15 partidos de liga do R. C. Deportivo - CSAG
TVG retransmitirá 15 partidos de liga do R. C. Deportivo
A canle pública emitirá outros cinco partidos do Dépor Abanca da primeira división feminina ao longo da temporada
A TVG e AGalega.gal acompañan tamén o Dépor na pretemporada. O primeiro partido é o 6 de agosto no Torneo Emma Cuervo de Ribadeo, fronte ao Real Oviedo
E o sábado 9 emitirase o Torneo Teresa Herrera da Coruña, co Dépor-Le Havre AC

Santiago, 04.08.2025.- A Televisión de Galicia emitirá pola primeira canle un total de 15 partidos do Deportivo da Coruña, desde setembro, durante a temporada 2025-2026 na Segunda División do fútbol profesional. O campionato principia o 15 de agosto coa participación de 22 clubs. A canle pública chegou a un acordo para acompañar o Dépor, que, tras asentarse na categoría o curso pasado, busca agora competir polo ascenso á Primeira División, ben polo acceso directo nas dúas primeiras prazas da clasificación ou gañando a promoción na que compite ata o sexto clasificado da liga regular.
Ademais, TVG emitirá outros cinco partidos de liga do Dépor Abanca, da primeira división feminina.
Pretemporada: torneos de verán Emma Cuervo e Teresa Herrera
Ademais, a primeira canle da TVG e a plataforma dixital AGalega.gal emiten os encontros de pretemporada do Deportivo nos clásicos torneos de verán de Ribadeo, o Torneo Emma Cuervo, e da Coruña, o Teresa Herrera. O mércores 6 de agosto emítese o Dépor-Real Oviedo desde o campo municipal Pepe Barrera de Ribadeo (19:00 h). O Trofeo Emma Cuervo, fundado en 1952, é o segundo torneo de verán máis antigo de España, só superado precisamente polo Teresa Herrera coruñés, de 1946. E o sábado 9 de agosto, desde Riazor, emitirase o encontro Dépor-Le Havre AC, equipo da primeira división francesa (20:00 h). Tamén, TVG emitirá, pola plataforma dixital AGalega.gal, o Torneo Teresa Herrera feminino, que celebra a súa décimo terceira edición co choque Dépor Abanca-Sporting Braga. Será o sábado 9 ás 17:00 horas.
A Galega segue reiterando o seu compromiso inquebrantable co fútbol galego, facilitando que a afección do Dépor poida vivir cada encontro coa máxima calidade de imaxe e son e coas mellores narracións na nosa lingua.