Entregados os XI Premios 'Nós tamén creamos!' ás curtas de animación en galego de seis centros educativos - CRTVG
Entregados os XI Premios 'Nós tamén creamos!' ás curtas de animación en galego de seis centros educativos
Estes galardóns de fomento da lingua son outorgados pola Consellería de Educación, a CRTVG e OQOeditora
Este ano alzáronse cos premios á creatividade a EEI do Milladoiro, o CEIP Padre Feijoo de Allariz e o CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas, e houbo tamén tres accésits para centros de Vigo, O Courel e Santiago
Santiago, 01.12.2023.- Os nenos e nenas gañadores do premio de curtas de animación en galego ‘Nos tamén creamos!’ recibiron os seus galardóns este venres no marco do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra en Pontevedra. O certame ten por finalidade fomentar a lectura en lingua galega e achegar o mundo audiovisual aos máis cativos.
No acto, en que se proxectaron as seis curtas premiadas, participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Borja Guerrero Parapar, responsable da Área Audiovisual de OQOeditora e Marta Fernández Sánchez, xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, quen salientou o traballo dos mestres no proxecto e a calidade das curtas, que emitirán proximamente os medios públicos galegos.
Os tres centros gañadores foron a EEI do Milladoiro, en 2º ciclo de Infantil, pola curta ‘Tonino. Un pingüín en Ames’; o CEIP Plurilingüe Feliciano Barreira de Ponteareas, na área de 1º e 2º de Educación Primaria coa curta ‘O cascabel da gata’; e o CEIP Padre Feijoo de Allariz, con ‘Sígueme’, na área de 3º e 4º de Educación Primaria. Ademais, foron premiados con accésits o CEE A Barcia, de Santiago, polo proxecto ‘Non fai falta a voz’; o CEIP A Canicouva, de Vigo pola curta ‘A princesa do Caurel’; e o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, de Sober pola súa curta tamén sobre o conto ‘A princesa do Caurel’.