Este sábado á noite na TVG é protagonista na 'Sala G': Ana Kiro contra Todxs - CRTVG
Este sábado á noite na TVG é protagonista na 'Sala G': Ana Kiro contra Todxs
O espectáculo musical líder de audiencia os sábados en Galicia vivirá un duelo estelar!

Santiago, 07.06.2025.- A ‘Sala G’ (22:00 h) é o gran fenómeno musical da televisión galega: un concurso por equipos onde tradición e modernidade se baten a ritmo de canción, con actuacións en directo, desafíos imposibles, moita retranca e un público entregado que decide quen merece a vitoria final. Cada sábado, milleiros de espectadores seguen esta batalla musical e esta semana o reto vai directo ao corazón: Ana Kiro contra Todxs.
Ana Kiro contra Todxs non é só unha lembranza, é unha defensa festiva, descarada e orgullosa do espírito dunha artista que marcou xeracións e que soubo cantar o país enteiro desde a verbena, a emigración e a televisión.
Tania Veiras, capitá do equipo anakirista, xúntase cun elenco de voces potentes e actitudes afiadas, dispostas a reivindicar a forza dunha muller que cantaba o que sentía… e sentía o que cantaba. As Supremas de Móstoles, Ruth Núñez, Kris Somad e Carolina Rubirosa súmanse ao equipo de Tania Veiras. As actuacións contarán coa presenza de Ana Kiro en momentos brillantes da súa vida artística que permanecen no recordo de milleiros de galegas e galegos.
En fronte, o equipo de ‘Todxs’, comandado por Manuel de Andrade, trae frescura, provocación, novas linguaxes e moito ritmo. Xurxo Fernandes, as PanSenFron, GFace, Awa Famy, Laura Añón, Capitán Sabrosura e César Romero, non irán a poñer flores, irán a darlle a volta ao repertorio e demostrar que a verbena tamén evoluciona... con reguetón e retranca a partes iguais.
Con Arturo Fernández como mestre de cerimonias e Fran Nogueira e DJ Rokiño acompañando, a deste sábado promete ser unha noite por todo o alto na ‘Sala G’ e,... que gañe o mellor! Ana Kiro contra Todxs!