div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Este venres chega aos cinemas o documental 'Rapa', dirixido por Alejandro Enríquez e apoiado pola TVG

O filme retrata a vida e a loita diaria da comunidade de veciños de Sabucedo, na Estrada, onde se celebra a Rapa das Bestas máis famosa do mundo

Ademais da súa estrea nas salas comerciais, terá proxeccións especiais en varias localidades galegas

crtvg.gal 20/03/2024 17:00

Santiago, 20.03.2024.-    O documental ‘Rapa’, dirixido por Alejandro Enríquez, e que conta co apoio da TVG, chegará aos cinemas galegos este venres. Esta película retrata a tradición da Rapa das Bestas na Galicia rural e ofrece un relato sensible sobre a loita dunha comunidade por manter vivo o seu vínculo ancestral coa terra e os cabalos salvaxes.

Alejandro Enríquez guía o público cara a unha viaxe visual e emocional, explorando a crise existencial do cabalo galego de monte, ameazado, entre outras cousas, polos ladróns de gando, os lobos e os parques eólicos. ‘Rapa’ é un relato con conflitos equinos e humanos nun contexto onde as persoas están conectadas coa natureza.

O filme está protagonizado polos veciños e veciñas da pequena aldea de Sabucedo, que preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Os conflitos dos cabalos son os conflitos da comunidade, pero case non queda xente para defender o territorio. Unha vez ao ano, a aldea celebra a Rapa das Bestas e 15.000 persoas acoden para ver os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Pero todos marchan e ninguén ve a realidade detrás da rapa: cada ano hai menos bestas no monte e, coma nun espello, menos xente na aldea.

A estrea de ‘Rapa’ nos cinemas, que terá lugar o 22 de marzo, contará cunha xira especial en salas de varias localidades galegas, que promete ser unha experiencia cinematográfica que vai máis aló dun simple testemuño visual da tradición galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade