div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Estrea de '+Cuñados', este mércores en Ourense

A CRTVG apoia este filme de Luís Avilés, que chegará aos cines o 19 de abril e que lle dá continuidade á exitosa comedia ‘Cuñados’, a maior estrea na historia do cinema en galego ata o momento

Esta secuela, ambientada no Entroido ourensán, sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película, e conta de novo con Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez como protagonistas

crtvg.gal 09/04/2024 14:56

Santiago, 09.04.2024.-    O Teatro Principal de Ourense acolle este mércores 10 de abril a preestrea da película ‘+Cuñados’, que chegará aos cines o vindeiro día 19. Esta produción de Portocabo, que conta coa participación de Televisión de Galicia, ademais de RTVE e Movistar+, a Deputación de Ourense, a Denominación de Orixe Ribeiro e a Xunta de Galicia, dálle continuidade á exitosa comedia ‘Cuñados’, a maior estrea na historia do cinema en galego ata o momento.

O acto contará coa presenza do elenco e do equipo da película, e de autoridades das institucións implicadas na súa produción, como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez, e a vicepresidenta da D. O. Ribeiro, Concepción Iglesias. Por parte da CRTVG asistirán o director de Proxección Social, Xaime Arias; a subdirectora de Contidos, Rosa Sierra, e a xefa de Programas, Vanessa Grela

O filme, rodado en galego, conta de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles sumaranse, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá. Nesta secuela de ‘Cuñados’, dirixida por Luís Avilés, a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. 

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. A provincia de Ourense volve ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén ten unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. En ‘+Cuñados’, os espectadores poderán percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido. 

Apoio ao cine galego

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e na promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos audiovisuais no marco do coñecido como apoio do 6 %, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia no que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade