Fútbol e baloncesto durante a fin de semana nas retransmisións da G2 e AGalega.gal - CRTVG
Fútbol e baloncesto durante a fin de semana nas retransmisións da G2 e AGalega.gal
O sábado destaca o Obradoiro-Palencia e o domingo o protagonista é o derbi Arenteiro-Ourense C. F.

Santiago, 11.04.2025.- Esta fin de semana o fútbol e o baloncesto reparten xogo na grella da G2 e da plataforma AGalega.gal para os afeccionados ao noso deporte. O sábado, ás cinco da tarde, o fútbol da Segunda RFEF tomará o mando no campo das Eiroas de Carballo coa celebración do Bergantiños-Langreo. O cadro galego segue optando a entrar na fase de ascenso, pero está obrigado a sumar os tres puntos para non perder de vista ao quinto clasificado, que é o filial do Deportivo da Coruña.
Ás sete chegará a quenda do baloncesto, co enfrontamento no Multiúsos Fontes do Sar entre o Obradoiro de Santiago e o Palencia. Fronte a fronte estarán dous candidatos ao ascenso aos que non lles queda outra que pelexar pola mellor clasificación posible de cara aos play-off. Os dous están igualados a dezanove vitorias, na quinta e sexta prazas, que curiosamente os cruzaría nos cuartos de final de rematar a temporada regular.
O domingo pola mañá, o fútbol da Terceira RFEF estará presente nas pantallas televisivas coa disputa no estadio do Couto do Unión Deportiva Ourense-Estradense. O cadro da cidade das Burgas aperta o acelerador para conquistar canto antes o ascenso á Segunda RFEF, pero terá diante a un adversario que está competindo para entrar na fase de ascenso ao final do campionato regular. Tras o fútbol, as motos ruxirán desde Trentino, con outra proba puntuable para o Mundial MXGP que servirá a primeira entrega ás dúas da tarde e a segunda manga, en diferido, ás nove da noite.
O fútbol vai estar presente durante a tarde con dúas citas das ligas da RFEF. A primeira é ás cinco e sitúanos no campo do Vao, co enfrontamento entre o Coruxo e o Marino de Luanco correspondente á Segunda categoría. En xogo estarán tres puntos moi necesarios para o equipo olívico de cara a evitar problemas para permanecer unha temporada máis nesta división. Ás sete da tarde chegará o derbi provincial da Primeira entre o Arenteiro e o Ourense C. F. Os do Carballiño están indo a menos na segunda volta e a día de hoxe figuran a só catro puntos da zona de descenso. Todo o contrario sucede no cadro do barrio da Ponte, xa que presenta números de ascenso desde a chegada do adestrador Pablo López e na actualidade está a dous puntos do quinto clasificado.
‘En Xogo’
A redacción de deportes da Televisión de Galicia resume os domingos pola noite todo o sucedido durante a xornada de Liga. A partir das dez e vinte e cinco minutos, o programa ‘En Xogo’ ofrecerá o máis destacado dos partidos Celta-Español, Mirandés-Deportivo e Real Oviedo-Rácing de Ferrol. Tamén adicará unha ampla cobertura ao Salamanca-Pontevedra, no que o equipo galego pode lograr o ascenso á Primeira RFEF.
Deportes nos telexornais
Durante a fin de semana, a primeira canle da Televisión de Galicia reserva amplos espazos ao deporte nos informativos ‘Bos días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’, con todos os goles das competicións profesionais e as mellores xogadas das ligas de baloncesto e do noso polideportivo.