div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Febreiro comeza en AGalega.gal coa estrea do espazo cultural 'Léocho'

Unha aposta polo universo dos libros nun programa en que a escritora e divulgadora María Canosa dará a coñecer autores, títulos, clubs de lectura ou librarías

O mércores estréase o documental ‘Recambio climático' e, o xoves, a curtametraxe de animación ‘To bird or not to bird’ 
 
O domingo chega a produción galega ‘A coral’, cun sobresaínte e amplo elenco, con Carlos Blanco e Marta Larralde á cabeza
 

crtvg.gal 03/02/2025 12:28

Santiago, 03.02.2025.-    Semana de destacadas estreas en AGalega.gal, cuxos usuarios poderán gozar de novidades que van desde o lanzamento dun espazo sobre a lectura e o mundo dos libros, un documental sobre medio ambiente, e dúas novas producións galegas: unha comedia e unha curtametraxe. 

A plataforma dixital da CRTVG disporá o martes de todos os episodios do programa ‘Léocho’, en que a escritora e divulgadora María Canosa realiza unha viaxe fascinante para animar á lectura de xeito divertido e didáctico. Coñeceranse autores, librarías, clubs de lectura, editoras, ilustradores, tradutores, encadernadores e demais profesionais que traballan no universo dos libros. 

‘Léocho’ irá á procura de criaturas fantásticas na literatura galega, dedicará tempo a falar de libros galegos de gastronomía, de obras inspiradas en biografías ou de novelas históricas, entre outros xéneros. Interesarase tamén pola adaptación ao cinema de novelas, pola conciliación da profesión coa vocación de escribir ou mesmo pola fascinación que crean as historias de libros perdidos e recuperados. Polas súas distintas entregas pasarán escritores destacados das nosas letras, como Pedro Feijoo, Francisco Castro, Xabier Quiroga, Antonio Reigosa ou Xavier Castro, que descubrirán como desenvolven o proceso creativo e amosarán o seu perfil menos coñecido.

O mércores chegará á plataforma ‘Recambio climático’, serie documental que reflexiona, en dous capítulos, sobre as accións cidadás e políticas relacionadas coa preservación do medio ambiente. 

O Premio Goya á mellor curtametraxe de animación na pasada edición, ‘To bird or not to bird’ (Martín Romero, 2023), estará dispoñible desde o xoves, 6 de febreiro. Nun mundo dominado polo humanos, as aves parecen adoptar os mesmos hábitos, preocupacións e obsesións insalubres. De xeito esperpéntico, os espectadores asisten ás problemáticas e malos costumes da nosa sociedade actual representados por unha bandada de paxaros. Unha produción que convida á reflexión sobre o camiño que está tomando o ser humano e a degradación que vive como especie. 

Nova serie ‘A coral’, desde o domingo

As estreas desta semana en AGalega.gal complétanse o domingo (21:00 horas) coa nova serie da TVG ‘A coral’. Unha comedia de sete episodios, cun amplo e sobresaínte elenco, con Carlos Blanco, Marta Larralde, Eva Iglesias, Marcos Pereiro, María Pérez, Teresa Nóvoa, Elba Pedrosa e Manu Casal, entre outros. 

Dirixida por Ricardo Llovo, a serie arranca tras un incidente que se difunde polas redes, a Manuel despídeno do seu traballo como profesor de música e director da coral dun prestixioso colexio. Ante a falta de ofertas, vese na obriga de aceptar a proposta que lle fai Suso, un antigo amigo, agora concelleiro na súa vila, para dirixir un pequeno coro de aldea. Co traballo vén tamén a nova vivenda, situada na parte superior dunha antiga escola unitaria, onde levarán a cabo os ensaios.  

E como é habitual, o luns 3 de febreiro estará dispoñible tamén unha nova entrega do reality máis atrevido da plataforma da CRTVG, ‘Salvaxe’. Os concursantes enfrontaranse nesta décima entrega a novos retos e decisións.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade