Função Públika, Sonia e Selena e Sen Senra, poñen música a unha nova noite de festa en 'Luar' - CRTVG
Função Públika, Sonia e Selena e Sen Senra, poñen música a unha nova noite de festa en 'Luar'
O programa da TVG recibe tamén a Ata o mandil, Dolores; a agrupación de Rubi, e novas roldas dos concursos ‘Vai de baile’ e ‘Recantos’

Santiago, 09.05.2025.- Televisión de Galicia volve propoñer esta noite unha cita imprescindible co espectáculo en directo da man de ‘Luar’ (21:50 h). O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez recibe este venres a Função Públika como cabeza de cartel, co seu potente directo e estilo inconfundible.
A festa continúa co regreso de Sonia e Selena, que farán bailar os espectadores ao ritmo de ‘Reinas’ e o seu grande éxito ‘Yo quiero bailar’. Sen Senra tamén será protagonista nesta edición con ‘Padiante’, un dos seus temas máis recentes e emocionais.
A presenza galega complétase cos tamén sons galegos de Ata o mandil, Dolores, que interpretará ‘Queimadelos’ e a ‘Muiñeira de Riamonte’, e coa actuación tradicional da Agrupación Folclórica de Rubi.
No apartado competitivo, ‘Vai de baile’ enfronta esta semana ás formacións Os Maloserá e D’arredore, mentres que ‘Recantos’ ten en competición as voces de Robert A Melodía, representando as Terras de Ordes, e Joel O Mariachi, de Ourense Sur. E como sempre, o humor está asegurado con Campos e Crespo, que achegarán a súa particular visión da actualidade.