Gran final de 'A liga dos cantantes extraordinarios' esta noite na Televisión de Galicia - CSAG
Gran final de 'A liga dos cantantes extraordinarios' esta noite na Televisión de Galicia
Os cinco finalistas terán que ir superando as distintas fases eliminatorias para conseguir o ansiado premio que coroará, a só un deles, como o mellor intérprete

Santiago, 7.2.2026.- Despois dunha intensa temporada, ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (21:55 h) chega esta noite á súa fin. Os espectadores da TVG vivirán unha das noites máis especiais, en que os cinco finalistas -Lucía, Yey, Virginia, Carlos e María- terán que ir superando as distintas fases eliminatorias para conseguir o ansiado premio que coroará, a só un deles, como o mellor cantante. O programa comezará cunha actuación de todos os concursantes interpretando ‘A gran noite’.
Neste programa final non haberá puntuación do xurado, senón que os finalistas irán sendo eliminados en tres fases. Nunha primeira quenda, cantarán en solitario temas potentes das orquestras, despois actuarán cos seus padriños e, finalmente, os tres que cheguen á última fase interpretarán en solitario a canción que escolleron para esta gran final.
O xurado de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, formado por Iago Pico, Roi Casal, Carolina Rubirosa e Antón Reixa, teno cada vez máis difícil e hoxe afronta o momento máis complicado e decisivo desta edición: determinar quen é o mellor cantante. Pero non están sós, xa que o público e os padriños tamén terán a oportunidade de votar, pero tras o seu veredicto nada quedará decidido e será o xurado o que, despois dunha complexa deliberación, teña que tomar a decisión final.