div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Grande acollida na estrea de 'A Coral' en Santiago de Compostela este martes á noite

A presentación da microserie da TVG protagonizada por Carlos Blanco encheu a sala e cativou ao público coa súa combinación de humor e emoción

crtvg.gal 11/02/2025 14:46

Santiago, 11.02.2025.-  A estrea da microserie ‘A Coral’, produción de Tex 45 para a TVG, celebrouse este martes en Santiago de Compostela cun rotundo éxito de convocatoria. O evento, que tivo lugar nos cines As Cancelas, contou coa presenza do elenco, equipo técnico e numerosos convidados que non quixeron perderse a presentación dos dous últimos capítulos da nova comedia da Galega.

A velada comezou cun photocall polo que foi pasando todo o elenco da serie, entre eles, Carlos Blanco, Marta Larralde, Eva Iglesias, Marcos Pereiro, María Pérez, Teresa Nóvoa, Elba Pedrosa, Miguel Novoa,  Laura Casal, Paula Jorge Hortas, Fran Paz, Graciela Zúñiga, Jesús Ríos, José Manuel Sánchez, Ana Vázquez e Manu Casal

Outros artistas moi coñecidos polos galegos que foron partícipes desta posta de longo, foron Pili Pampín, María Mera e César Romero, da orquestra Cinema. Tamén se achegaron á presentación distintos presentadores dos medios públicos galegos, como Iván Mariñas, Sevi Martínez Ferreiro, Raquel Atanes, Noelia Rey, Borja Duarte, Esther Estévez e Estíbaliz Veiga, así como profesionais doutros medios de comunicación e produtoras, como José Luis Gómez, Jacobo Domínguez, Luis Collazo, Israel López e Uxía Soutullo, entre outros moitos.
 
A proxección dos episodios 12 e 13 consolidou o ton humorístico que caracteriza á serie, provocando risas entre os espectadores. Dirixida por Ricardo Llovo, ‘A Coral’ narra a adaptación dun prestixioso director musical, Manuel, ao liderado do coro dunha pequena aldea galega.

Outro dos momentos da noite foi a actuación en primicia da coral da serie, que puxo o toque musical á noite coa interpretación do tema ‘Tataravoa’, composto por Fillas de Cassandra.

A TVG emitirá dous novos capítulos cada domingo en horario de prime time, mentres que a plataforma dixital AGalega.gal xa ten dispoñibles os primeiros sete episodios para consumo á demanda. .

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade