div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Hóckey a patíns, squash, automobilismo e fútbol na fin de semana deportiva da G2 e AGalega.gal

A primeira canle ofrece amplos espazos nos telexornais Bos Días, Mediodía e Serán

crtvg.gal 13/06/2025 10:17

Santiago, 13.06.2025.-  A fin de semana deportiva comeza na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal na tarde do venres, coa disputa dos cuartos de final da Copa da Raíña. O Coruña, que rematou noveno a liga regular, afronta a primeira eliminatoria ante o Palau, terceiro clasificado. A emisión comezará ás seis da tarde.

O sábado, desde a unha da tarde, a atención estará posta no Palau Blau Grana, onde o Barcelona e o Liceo da Coruña inician a disputa da final da Liga masculina de hóckey a patíns, que se decide ao mellor de cinco partidos. Os dous cumpriron os prognósticos, xa que despois de acadar as dúas primeiras posicións na temporada foron quen de resolver as eliminatorias de cuartos e de semifinais. Sorprende, eso si, que o Liceo se desfixera dun xeito tan contundente do Reus, ao que derrotou cun global de 3-0. A partir das cinco e vinte e cinco chegará á pantalla da televisión autonómica o desenlace do Rally de Ourense, puntuable para o Campionato de España. Os afeccionados poderán ver o último treito entre Cartelle e Toén. E sen saír de Ourense, a G2 conectará ás seis e cuarto co estadio do Couto, onde os mellores equipos de fútbol cadete disputan o trofeo Provincia Termal. Celta e Pabellón de Ourense representan a Galicia, mentres Real Madrid, Atlético de Madrid e Athlétic de Bilbao ofrecen o mellor das canteiras nacionais. O veciño equipo do Porto completa o cartel da edición deste ano.

Xa o domingo, o fútbol abrirá a axenda matinal ás once e media coa final do fútbol cadete. Ao remate saltarán á pista as mellores xogadoras de squash. Santiago convértese na capital mundial do Squash feminino cunha pista de cristal de última xeración, instalada no centro comercial As Cancelas. Vinte e catro xogadoras comezaron a competir o martes, entre elas a viguesa Marta Dominguez, actual número cincuenta e seis do ranking mundial. Pola tarde, ás sete, o fútbol retomará o interese co comezo da final definitiva polo ascenso á Segunda RFEF entre o Pulpileño e a Sarriana. As cámaras da Televisión de Galicia tamén recollerán os directos dos encontros de volta polo ascenso á Terceira RFEF nas eliminatorias Beluso-Cambados e Céltiga-Atios.

Deportes nos telexornais

Cada fin de semana a redacción de deportes da Televisión de Galicia prepara amplos espazos de información nos telexornais ‘Bos días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’. A atención estará posta no comezo do Mundial de clubs nos Estados Unidos coa participación do Real Madrid e do Atlético Madrid, xunto ao Europeo sub-21, a final de ascenso á Primeira División e a última hora dos equipos punteiros de Galicia, que comezan a preparar xa a temporada 25-26.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade