div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Linda, Paloma, Marquesa e Roxa desfilan esta noite en 'Luar' polo título de Miss Vaca 2026

A gañadora será escollida polos espectadores nunha gala que contará, entre outros, coa música de Blanca Paloma, Kalakan, Pelopony, A banda da Balbina, Marisa Valle Roso e Dulzaro
 

csag.gal 26/06/2026 00:01

Santiago, 26.6.2026.-    O programa ‘Luar’ (21:45 h), presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar, celebra este venres unha das súas citas máis emblemáticas coa décimo oitava edición de Miss Vaca, un certame que combina beleza, tradición e reivindicación do mundo rural galego. A gala reunirá as vacas máis fermosas de cada provincia nunha noite de festa, música e orgullo gandeiro.

As protagonistas desta edición son Linda, representante da Coruña; Paloma, de Ourense; Marquesa, de Lugo, e Roxa, de Pontevedra. As catro finalistas competirán pola coroa de Miss Vaca 2026 acompañadas polos seus respectivos gandeiros e gandeiras. 

O xurado estará integrado por Manuel García, Suso García e Tamara, gandeira propietaria de Boneca, a Miss Vaca 2025, procedente de Rodeiro. Ademais de valorar as aspirantes, outorgarán as bandas de Miss Poderosa, Miss Lindos Ollos, Miss Donaire e Miss Aloumiños, así como o Premio Especial do Xurado, unha figura de Sargadelos, que distinguirá a vaca elixida polos membros do tribunal.

Con todo, será a audiencia quen teña a última palabra. A gañadora de Miss Vaca 2026 decidirase exclusivamente mediante a votación dos espectadores, que escollerán a sucesora de Boneca. A vencedora recibirá a banda que a acredita como a vaca máis fermosa de Galicia e un premio de 3.000 euros.

A gala estará acompañada dunha ampla representación musical e cultural procedente de distintos territorios do estado. Desde a Comunidade Valenciana chegará Blanca Paloma, representante de España no Festival de Eurovisión 2023 e unha das artistas máis destacadas da nova escena da música de raíz. Euskadi estará representada por Kalakan, formación coñecida pola súa reinterpretación contemporánea da tradición vasca e pola súa proxección internacional.

Desde Asturias visitará o programa Marisa Valle Roso, unha das voces de referencia da música tradicional asturiana, mentres que Aragón contará coa participación do grupo folclórico El Pilar. Pola súa banda, Dulzaro achegará a proposta de Castela e León, cun proxecto que fusiona a música tradicional castelá coa electrónica e os sons actuais.

Completa o cartel da noite a icónica cantante catalá Pelopony, que interpretará os temas ‘Estigmas’ e ‘Imposible conquistar’; a divertida A Banda da Balbina, co seu popular ‘Valentín’, e finalmente Grupo Origen, Grupo Talismán e a foliada O Fiadeiro, que contribuirán a converter esta edición de Miss Vaca nunha gran festa da música e da diversidade cultural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade