Luísa enfróntase á verdade sobre Leo na dobre entrega de 'O home perfecto' deste martes na TVG - CSAG
Luísa enfróntase á verdade sobre Leo na dobre entrega de 'O home perfecto' deste martes na TVG
Dous capítulos decisivos en que se destapa a manipulación de Leo e os sentimentos que arrastran os protagonistas ao límite

Santiago, 4.11.2025.- A TVG ofrece este martes pola noite unha nova dobre entrega da serie ‘O home perfecto’ (21:50 h), que continúa afondando nas emocións, nas mentiras e nas feridas abertas que deixan as relacións rotas.
Na primeira emisión, que leva por título ‘A praia’, Luísa acepta a proposta de Leo e marcha con el para pasar un día fóra. O que comeza como unha excursión espontánea convértese axiña nun perigoso xogo de sedución. Leo sabe o que busca, e Luísa parece disposta a xogar... ou iso cre. Mentres tanto, en Compostela, Neves intenta advertir a Paula do perigo que supón Leo, pero ela non está preparada para escoitar. O protagonista móvese con coidado, facendo equilibrios entre dúas vidas que mantén en paralelo sen que se toquen.
E na panadaría, Serena rebenta e discute con Xabi, mentres Rebeca e Nina intentan achegarse a ela sen éxito. As feridas de Serena son máis profundas do que parecen, e a súa saúde comeza a resentirse. Pola súa banda, Rebeca e Gus seguen estreitando lazos; el gaña a súa confianza e ela, sen decatarse, vai namorándose. Pero ese sentimento pode converterse no peor erro posible.
A continuación, o episodio ‘O prezo a pagar’ mergúllase nas consecuencias das mentiras. Luísa, desfeita, percorre a estrada consciente de que Leo non existe, de que foi enganada, pero incapaz de entender ata onde chega o engano. Cando Vicky e Catuxa anuncian que van ser nais, ela intenta agarrarse a esa nova como a algo real e decide enfrontarse á verdade, aínda que xa non lle queden forzas.
Na casa deixa un cadro, unha carta e un baleiro imposible de encher. Neves insiste en que Paula confese, pero ela aínda non comprende a magnitude do que fixo Guille, que se refuxia nos brazos de Rebeca. Non se sente culpable, pero a dor obrígao a preguntarse se quere -ou é capaz- de cambiar.
