Mes de marzo cheo de estreas en Xabarin.gal, a onde este venres chega a serie 'Superheroes da natureza' e o día 21, 'A patrulla canina' - CRTVG
Mes de marzo cheo de estreas en Xabarin.gal, a onde este venres chega a serie 'Superheroes da natureza' e o día 21, 'A patrulla canina'
Os novos capítulos da ‘Os Bolechas: Historia de Galicia’, en que os pequenos da casa aprenden sobre a evolución do mundo, e a estrea da divertida ‘Glumpers’ serán outras das novidades
Ademais, xa están dispoñibles na plataforma infantil da CRTVG o programa ‘Queres un conto’ e o filme ‘Shin Chan a ritmo de samba’

Santiago, 07.03.2025.- A audiencia da plataforma Xabarin.gal poderá gozar neste mes de marzo de novas estreas para toda a familia. Este primeiro venres, día 7, chega a serie ‘Superheroes da natureza’, onde se propón unha viaxe fascinante para descubrir toda unha variedade de criaturas do mundo animal con poderes extraordinarios.
A partir do venres 14 os máis pequenos da casa estarán moi entretidos cos novos capítulos de ‘Os Bolechas: Historia de Galicia’. Na serie, os míticos personaxes galegos explican como o mundo cambiou desde o Paleolítico, desde que eramos nómades e usabamos utensilios de pedra ata a actualidade, que temos Internet e teléfonos móbiles. Os Bolechas farán un percorrido por todo aquilo que evolucionou desde a Idade de Pedra ata hoxe: a alimentación, a roupa, os medios de transporte, inventos, etc. Un completo repaso á historia de Galicia da man da popular familia Bolechas.
Ademais, a partir do 21 de marzo Xabarin.gal porá a disposición os primeiros 20 capítulos de ‘A patrulla canina’. Na serie, seis canciños, Chase, Marshall, Zuma, Rubble, Skye e Rocky forman unha patrulla que dirixe Ryder, un neno que os rescatou e lles ensinou habilidades que agora empregan para solucionar problemas con moito enxeño.
O último venres do mes, o día 28, estrearase a divertida serie ‘Glumpers’, en que seis seres moi distintos entre si conviven nunha mesma casa. Os Glumpers son unha tropa, un grupo de amigos que xuntos viven e xuntos se aturan. Cando entre os humanos unha discusión non adoita ir máis alá de poñerse de morros, no caso dos Glumpers pode causar consecuencias de, como pouco, un estoupido nuclear.
Ademais, xa está dispoñible en Xabarin.gal o primeiro programa de ‘Queres un conto’, do que cada domingo se publicará un novo episodio. Este formato combina contos, cancións e ilustracións, e cada relato presenta un protagonista arredor do cal xira a acción, que adoita desenvolverse en Galicia. Ao rematar cada capítulo inclúese un obradoiro de debuxo vinculado á historia, en que participan as nenas e os nenos.
E desde este luns tamén pode verse na canle dixital infantil da CRTVG o filme ‘Shin Chan a ritmo de samba’. Cando Shin Chan e os seus amigos se decatan de que as profesoras e os compañeiros de clase teñen un comportamento algo estraño e resulta que a cidade de Kasukabe está chea de dobres aos que lles gusta bailar a samba que están substituíndo os veciños auténticos.
