Na Semana do 8M, a TVG programa contidos e cine para dar voz a referentes femininas e impulsar o debate pola igualdade - CSAG
Na Semana do 8M, a TVG programa contidos e cine para dar voz a referentes femininas e impulsar o debate pola igualdade
TVG emite o xoves ‘O corno’, cinta gañadora da Cuncha de Ouro de San Sebastián, e estreará o venres a comedia dramática ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’
A G2 ofrecerá contidos de ficción, documentais e entrevistas sobre feminismo, creando un espazo estable para a reflexión e o diálogo sobre os retos actuais en materia de igualdade
Chega a AGalega.gal a webserie ‘A moza que abortou e o contou’, galardoada no Carballo Interplay 2025
O feminismo entre a mocidade, a violencia de xénero e entrevistas con referentes nos seus eidos laborais, entre os temas que se atenderán nos magazines da canle

Santiago, 02.03.2026.- Nesta semana que se celebra o Día da Muller, o 8M, os medios públicos galegos propoñen unha intensa programación de contidos informativos e de entretemento arredor da igualdade na TVG, a G2 e a plataforma AGalega.gal. Durante toda a semana os magazines ‘O Termómetro’, ‘Quen Anda Aí?’ e ‘Hora Galega’ darán voz a cuestións como o feminismo entre a mocidade, o papel da muller no ámbito laboral ou a violencia de xénero, así como á visibilización de referentes femininos.
E o prime time da segunda canle, a G2, dedicarase cada día estes contidos: o luns emitirase a miniserie ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’, sobre a traxectoria da que foi a primeira muller española correspondente internacional, voz informativa das dúas guerras mundiais e da Revolución rusa. De martes a xoves emitirase a miniserie galega ‘Dalia, a modista’, historia que mestura intriga, amor e superación persoal, ambientada na posguerra nun contexto de fortes diferenzas sociais. A grella completarase con ‘Historias a pé de páxina’, con protagonismo feminino, e cunha selección de programas de entrevistas como ‘Elas’, ‘Din que non falan’, ‘En feminino singular’ e ‘Galegos’. Xa o sábado programarase a miniserie documental ‘Hitler, Garbo... e Araceli’ e o domingo estrearase na G2, e en AGalega.gal, o filme ‘O soño da sultana’, a primeira longametraxe europea de animación en formar parte da Sección Oficial do Festival de San Sebastián.
Cine na TVG
Na primeira canle, o xoves 5 emitirase a multipremiada película ‘O corno’, dirixida por Jaione Camborda e gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. E o venres 6, despois de ‘Luar’, estrearase a comedia dramática ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’, que cuestiona, a través da sátira e do humor ácido, os roles tradicionais e os estereotipos de xénero. Os dous filmes, que reforzan a aposta por historias con perspectiva feminina, quedarán dispoñibles despois na plataforma AGalega.gal.
Estrea da webserie ‘A moza que abortou e o contou’ en AGalega.gal
A plataforma AGalega.gal habilitará unha sección para reunir estas estreas das canles e unha coidada selección de títulos relacionados coa igualdade. Así mesmo, este luns estrea a webserie ‘A moza que abortou e o contou’, galardoada co Premio do Xurado Novo no Carballo Interplay 2025. A serie aborda a historia de Cora, quen comunica á súa familia que interrompeu voluntariamente o seu embarazo durante a cea de Nadal, desencadeando un intenso debate interxeracional.
Con esta programación especial, a CSAG reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade, a defensa dos dereitos das mulleres e a construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva, en coherencia cos principios que rexen o servizo público audiovisual de Galicia.
