div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Na semana dos Premios Mestre Mateo, as estreas de AGalega.gal xirarán arredor do cinema galego

A plataforma estrea este luns o programa ‘O videoclub’, que ofrecerá recomendacións de filmes galegos, e o venres porá a disposición a película ‘HoneyMoon’, con múltiples candidaturas na gala deste sábado, que será retransmitida en directo pola TVG

A película ‘Os fillos do sol’, sobre a empresa Zeltia, e a curtametraxe ‘A nena azul’, galardoada en 2019, completan as propostas para estes días

crtvg.gal 10/03/2025 13:52

Santiago, 10.03.2025.-    Na semana dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro día 15 nunha gala que será retransmitida en directo na TVG e tamén se poderá ver posteriormente en AGalega.gal, a plataforma dixital dos medios públicos ofrece diversas estreas relacionadas co audiovisual galego.

A primeira delas chega este mesmo luns, cando se estrea en AGalega.gal o programa dixital ‘O videoclub’, en que Sila e Miguel se converterán en profesionais que só precisarán un minuto para recomendar unha película do cinema galego.

O martes estrearase na plataforma da CRTVG o filme galego ‘Os fillos do sol’, que conta a historia da empresa galega Zeltia, fundada en plena posguerra por catro visionarios. Fernando Calvet, Ramón Obella e os irmáns Fernández superaron adversidades para crear un laboratorio de referencia no século XX. Cómpre destacar que a Real Academia Galega de Ciencias acordou nomear o profesor Fernando Calvet Prats como Científico do ano 2025, dada a súa excepcional traxectoria científica e persoal.

Ao día seguinte, 12 de marzo, porase a disposición unha nova entrega do programa ‘Raíña-me’, que recibirá a visita do actor Miguel Canalejo para probar o mundo do drag nun programa cheo de sorpresas e representación LGTBIQA+.

O xoves 13 de marzo chegará a AGalega.gal ‘A nena azul’, premio Mestre Mateo á mellor curtametraxe en 2019. Sira, unha nena de oito anos filla dun percebeiro furtivo da Costa da Morte foxe da escola logo dunha pelexa e refúxiase nunha solitaria praia en busca de seu pai. Alí ten un misterioso encontro con alguén que parece ser o seu propio espello. Dirixida por Sandra Sánchez, está protagonizada por Carla Díaz, Lucía González e Sergio Zearreta.

O prato forte destas estreas cinematográficas será o venres, cando se ampliará o catálogo con ‘HoneyMoon’, un filme galego con múltiples candidaturas aos Mestre Mateo que se entregan o sábado. Nesta longametraxe dirixida por Enrique Otero, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez interpretan a Eva e Carlos, un matrimonio en ruínas que se enfronta á traxedia da morte do seu fillo Jonás nos Estados Unidos. Sen recursos para repatriar o cadáver, embárcanse nunha odisea chea de obstáculos para reunir os cartos necesarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade