div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

No aniversario do seu pasamento, 'Luar' realiza esta noite unha homenaxe a Xosé Manuel Piñeiro

O programa (21:40 h) contará coa presenza da súa familia e de moitos/as compañeiros/as e amigos/as que traballaron con el durante os seus máis de 30 anos de carreira no mundo audiovisual

No capítulo musical, ofreceranse as actuacións de Soraya, María do Ceo, Pili Pampín, a orquestra Nueva Fuerza e a asociación O Fiadeiro, entre outros; 
mentres que en ‘Recantos’ toca final de fase, coa expulsión de catro concursantes

csag.gal 23/01/2026 02:00

Santiago, 23.01.2026.-    O 22 de xaneiro de 2025 falecía un dos rostros históricos e máis queridos para os espectadores da Televisión de Galicia: Xosé Manuel Piñeiro. Cumprido xa un ano do seu pasamento, ‘Luar’ segue tendo moi presente o emblemático comunicador e por iso dedica o programa deste venres a lembrar a súa figura.

O espazo da TVG contará coa presenza no estudio da súa familia, a súa nai, as súas irmás e as súas sobriñas. Tamén participarán na homenaxe moitos/as compañeiros/as e amigos/as que traballaron con el durante os seus máis de 30 anos de carreira no mundo audiovisual, como Gloria Ferreiro, Sonia López, Marcos Pereiro, Isi, Tamara Pérez, Alba Lago, David Amor, Sergio Pazos e Roberto Vilar, entre outros.

No apartado musical, a primeira en pisar o escenario será outra das grandes amigas de Piñeiro, a artista portuguesa María do Ceo, unha excelente fadista e unha voz privilexiada que conseguiu que este xénero musical forme parte da cultura de Galicia.  Tamén contribuirá a esta homenaxe Pili Pampín, que o lembrará a través da súa música.

Outra das artistas convidadas do programa desta semana é a cantante estremeña de pop-dance Soraya, cuxa voz é unha das máis recoñecidas do panorama musical español desde que participou na cuarta edición de ‘Operación Triunfo’. Atesoura 20 anos de carreira, en que publicou varios traballos, ademais de numerosos sinxelos de grande éxito. No programa de hoxe interpretará os seus últimos lanzamentos, temas moi discotequeiros, perfectos para lanzarse á pista a bailar.

Completan o cartel musical deste venres as actuacións da orquestra Nueva Fuerza, da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro e do músico, actor e presentador Paco Lodeiro, que cantará ‘O amor está en Galicia’, título do novo programa que presentará a partir da semana que vén na TVG.

Ademais, no programa de hoxe toca final de fase en ‘Recantos’, coa expulsión de catro concursantes. Antes de que o xurado tome a decisión de cales son os ‘recanteiros’ que deben abandonar o concurso, subirán ao escenario Rocío Souto, procedente de Lugo Centro, e Parawy, representante da comarca Terras do Eume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade