Novas caras na TVG para seguir liderando os informativos en Galicia na temporada 25-26 - CSAG
Novas caras na TVG para seguir liderando os informativos en Galicia na temporada 25-26
Antía Araújo e David Valverde incorpóranse á presentación do ‘Telexornal Mediodía’ e do ‘Telexornal Fin de Semana’
Amplíase a aposta multiplataforma: o ‘Telexornal Mediodía’ é o contido á carta máis visto do que vai de 2025 en AGalega.gal

Santiago, 05.09.2025.- A canle líder de informativos en Galicia no mes de agosto, a TVG, inicia este luns 8 de setembro unha nova etapa nos seus servizos informativos para seguir consolidando este liderado durante toda a temporada 25-26, e para isto conta con reforzos estratéxicos tanto diante como detrás das cámaras.
Entre as novidades máis visibles, destacan a incorporación aos telexornais de novos talentos como a xornalista Antía Araújo (‘Telexornal Mediodía’, 14:25 h) e David Valverde (‘Telexornal Fin de Semana’, 14:25 e 21:00 h). Pablo Muñoz continuará como referente do ‘Telexornal Serán’ (20:55 h), consolidado como un dos informativos máis seguidos da canle.
O ‘Galicia Noticias’ (14:00 h) manterá o seu clásico espírito de proximidade con Raúl Quián de luns a venres e Chus Tanoira nas fins de semana. As mañás informativas seguirán a cargo de Almudena Rodríguez de Urzáiz no ‘Bos Días’ (08:00 h), que marcará axenda diaria con entrevistas de actualidade política, económica e social.
A información deportiva afronta tamén un novo curso con Terio Carrera no ‘Bos Días’ (08:00 h), Sevi Martínez ao mediodía (15:15 h), Lorena Pose á noite (21:25 h) e Irene Lourido nas fins de semana. Ademais, o ‘En Xogo’ (domingo, 22:50 h) será conducido esta temporada por Sevi Martínez, con novidades, e tamén co equipo clásico de enxogueiros.
No ámbito cultural, o ‘Zigzag’ inicia unha nova temporada como espazo cultural diario máis lonxevo das televisións públicas autonómicas, con María Solar, xefa da sección de Cultura da CSAG, Pilar García Rego e Marta Gómez á fronte.
Outro dos apartados centrais seguirá sendo a información meteorolóxica de ‘O Tempo’, que seguirá a contar con Ana Celia Vázquez, Diego Viaño, Loli Gómez Oviedo e Noelia Rodríguez. Os catro dan forma a un dos espazos máis recoñecidos e seguidos pola audiencia galega.
A programación complétase cos contidos especializados que analizan a actualidade política, social e económica de Galicia: ‘No Foco’ (reportaxes en profundidade), ‘Parlamento’ (actualidade parlamentaria), ‘Labranza’ (información do agro) e ‘Vivir o Mar’ (actualidade marítima).
Tamén se manteñen os espazos de análise e opinión, que ocupan un lugar destacado na grella da Galega: ‘Galicia Por Diante’, conducido por Luís Ojea e Celia Rúa; ‘A Crónica’, conducido por Silvia Pereira, e ‘Conexión Galicia’, dirixido por María Cheda, achegando contexto e reflexión á información diaria.
Na presentación da nova temporada, celebrada este venres no plató 300 da TVG, a subdirectora de Informativos, Marta Darriba, destacou que “a nova programación reforza o compromiso da Televisión de Galicia co servizo público, cunha oferta pensada para conectar con máis públicos e adaptarse aos seus hábitos de consumo, mantendo a proximidade e a identidade que caracterizan a canle pública”.
Conexión multiplataforma
O ‘Telexornal Mediodía’ xa é o contido en diferido máis consumido de AGalega.gal no que vai de 2025. Isto pon de relevo a importancia e o éxito da estratexia multiplataforma seguida ata o de agora, e que se verá reforzada neste novo curso. Todos os informativos da TVG poden seguirse hoxe en múltiples dispositivos e plataformas, con especial protagonismo de AGalega.gal, e tamén a canle de YouTube, que garanten o acceso ás emisións en directo e á carta en calquera momento e en calquera parte do mundo, e de balde. Neste ecosistema, a web G24.gal consolídase cada día como referencia da información en Galicia, cun fluxo continuo de actualizacións e a posibilidade de recuperar as emisións integrais dos informativos. Xunto a ela, as redes sociais de G24 experimentan un crecemento sostido e un enorme éxito en número de seguidores e interaccións, converténdose nun dos principais puntos de encontro coa cidadanía e reforzando a conexión da televisión pública galega cos novos hábitos de consumo informativo.
