div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Novos capítulos de 'Shin Chan', 'As aventuras de Ladybag e Cat Noir', 'As Tartarugas Ninja' e 'Doraemon', este mes de outubro en Xabarin.gal e AGalega.gal

‘Shin Chan’ estrea novas entregas este venres, e ‘Doraemon’ chegará o día 31

Unha das series de máis éxito da animación internacional, ‘Prodixiosa: As aventuras de Ladybug e Cat Noir’, poderá verse agora en galego

A Corporación reforza a súa aposta polo audiovisual en galego, con novos proxectos como a animación para público preescolar ‘Galiworld’ e as ficcións ‘Maddie e Triggs’ e ‘Timmy Time’, que promoven os valores da amizade e o respecto ás diferenzas

csag.gal 03/10/2025 10:15

Santiago, 03.10.2025.-    As series máis agardadas chegan ou amplíanse en outubro nas plataformas dixitais da CSAG: novos capítulos de ‘Shin Chan’, ‘As aventuras de Ladybug e Cat Noir’, ‘As Tartarugas Ninja’ e ‘Doraemon’ estarán dispoñibles en AGalega.gal e Xabarin.gal. A Corporación reforza a súa aposta polo audiovisual en galego, con novidades especialmente dirixidas á infancia e á xuventude que mesturan entretemento, educación en valores e prestixio internacional.

Así, a CSAG reforza a súa posición como referente no ámbito infantil e xuvenil, ofrecéndolles ás familias galegas contidos innovadores, inclusivos e de prestixio internacional, pensados para gozar en compañía neste outubro e, especialmente, na ponte festiva escolar de finais de mes. 

Este venres estréanse novos capítulos de ‘Shin Chan’, un fenómeno interxeracional que conecta coa histórica ‘xeración Xabarín’ e un recoñecemento de marca consolidado. O popular neno traveso e espontáneo volve protagonizar situacións absurdas e cómicas coa súa familia e amizades. O venres seguinte, 10 de outubro, chega a Xabarin.gal a galega ‘Galiworld’, unha serie de animación preescolar seleccionada na última convocatoria de contidos dixitais da CSAG. Na buliciosa cidade habitada só por galiñas e pitos, cada día é unha aventura que pon patas arriba a vida da metrópole. Sen diálogos e cun humor visual universal, ‘Galiworld’ ofrece innovación e creatividade galega para o público familiar.

O sábado 11, os espectadores gozarán na G2 e en Xabarin.gal os cinco capítulos iniciais de ‘Prodixiosa: As aventuras de Ladybug e Cat Noir’, que se irán ampliando ao longo do mes. Deste xeito, unha das series de máis éxito da animación internacional poderá verse agora tamén en galego. Este fenómeno global, con millóns de seguidores en todo o mundo, combina acción, maxia e emoción. Marinette e Adrien, dous adolescentes con vida dobre como superheroes, defenden París contra os viláns mentres xestionan os retos da súa identidade secreta. 

O 17 de outubro será o momento de ‘As Tartarugas Ninja’, coa nova versión da icónica serie. Leonardo, Raphael, Donatello e Michelangelo, catro irmáns mutantes expertos en artes marciais, loitan contra o crime nas rúas de Nova York. Acción trepidante, irmandade e humor convértena nun clásico revisitado que volve para conquistar novas xeracións. Estrearanse 26 episodios en Xabarin.gal.

A plataforma infantil e xuvenil tamén acollerá, a partir do venres 24, os 16 primeiros episodios de ‘Maddie e Triggs’. Maddie é unha nena con discapacidade visual que vive divertidas aventuras coa súa mascota Triggs nunha serie que presenta a diversidade funcional dun xeito normalizador, achegando valores de inclusión e amizade. Ademais, o día 30 chegan 26 capítulos da serie ‘Timmy Time’, producida polos prestixiosos estudios Aardman Animations e protagonizada por Timmy, un cordeiro pequeno e curioso que descobre as súas primeiras experiencias na escola infantil. 

Finalmente, o venres 31, estarán dispoñibles en Xabarin.gal e en AGalega.gal 10 novos capítulos de ‘Doraemon’, en que o gato robótico do futuro axuda a Nobita a resolver os seus problemas cotiáns mediante inventos fantásticos nunha das series máis queridas polo público familiar, perfecta para compartir entre xeracións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade