O concerto máxico de Abraham Cupeiro en Meira e a estrea de 'O máis pop', entre as novas semanais de AGalega.gal - CRTVG
O concerto máxico de Abraham Cupeiro en Meira e a estrea de 'O máis pop', entre as novas semanais de AGalega.gal
A estas achegas de música e deporte súmanse a nova proposta dixital de ‘Nail Clue’ e outra entrega de ‘Galegos’
A plataforma infantil Xabarin.gal pon a disposición da cativada as cancións de 'Bibopalula' (xoves 5) e estrea a serie dixital 'Nubes' (venres 6)

Santiago, 02.06.2025.- A semana comeza na plataforma AGalega.gal, cunha programación variada que combina música en directo, deporte, formatos dixitais innovadores e cinema internacional. Do 1 ao 7 de xuño, cada día chega cunha estrea diferente para todos os públicos.
Hoxe destaca a estrea do concerto ‘Unha noite de inverno’, unha experiencia musical gravada na Igrexa monasterial de Meira. O multiinstrumentista Abraham Cupeiro lidera esta proposta acompañado por unha coidada selección de artistas convidados: Davide Salvado, Matthew Ward, Alba Barreiro, Antonio Cienfuegos, Cibrán Seixo, e a acordeonista Sabela Caamaño.
A plataforma ten dispoñible tamén ‘O máis pop’, unha nova sección dentro do contido deportivo de AGalega.gal que ofrece unha ollada fresca e dinámica a disciplinas con forte pegada en Galicia, como o atletismo, o ciclismo e o piragüismo.
O mércores 4 será a quenda da innovación dixital con ‘Nail Clue’, un programa presentado por Nuria Vil e dirixido á mocidade. Nela, tres artistas manicuristas compiten durante cinco horas para sorprender cun deseño de unllas postizas inspirado nun cliente misterioso.
A plataforma incorpora tamén o venres unha nova entrega do programa ‘Galegos’ cunha entrevista a Xosé Luís Barreiro, político, profesor de Ciencias Políticas e autor de ‘A terra quere pobo’.
Cine internacional para todos os gustos: aventura, drama e comedia
No apartado cinematográfico, AGalega.gal ofrece esta semana unha coidada selección de filmes internacionais dispoñibles por tempo limitado. Incorpórase ‘A cidade perdida de Z’ (martes 3), baseada na historia real do explorador Percy Fawcett e a súa busca dunha civilización na Amazonia; ‘Capitán Fantástico’ (xoves 5) propón un retrato orixinal sobre a crianza alternativa e os conflitos co mundo moderno, que estará dispoñible 7 días; ‘Persecución ao límite’ (venres 6) é un thriller de acción nas rúas de Alemaña, onde o amor e a supervivencia son protagonistas, e para pechar a semana, chega a comedia francesa ‘Lola e os seus irmáns’ (sábado 7), unha historia entrañable sobre vínculos familiares. Todas estas películas estarán accesibles durante 7 días, agás esta última comedia, que poderá verse ao longo de 30 días.
En Xabarin.gal, todas as cancións de ‘Bibopalula’ e estrea da serie ‘Nubes’
A plataforma infantil Xabarin.gal pon a disposición da cativada desde este xoves as cancións da serie de animación musical ‘Bibopalula’. O sábado 7 comeza a xira do espectáculo teatral baseado nesta serie coproducida pola CRTVG, que foi, no seu lanzamento, unha das favoritas da audiencia.
Esta semana tamén chega á plataforma infantil ‘Nubes’ (venres 6), unha serie web infantil que busca que os nenos e nenas coñezan a natureza atmosférica. Está realizada con animación 2D e nela unha pequena nube vivierá unha aventura onde coñecerá outras formacións gaseosas en busca da lendaria Nube Arco da vella.
