O derbi entre os históricos Rácing de Ferrol e C. D. Lugo, este sábado pola tarde na G2 - CSAG
O derbi entre os históricos Rácing de Ferrol e C. D. Lugo, este sábado pola tarde na G2
O domingo, os espectadores poderán ver ao mediodía o clásico do hóckey sobre patíns entre o Liceo e o Barcelona

Santiago, 06.02.2026.- Esta fin de semana está marcada polos partidos de proximidade nas categorías dependentes da Federación Española de Fútbol. O sábado, a segunda canle da Televisión de Galicia ofrece desde as 16:15 h o derbi entre os históricos Rácing de Ferrol e Club Deportivo Lugo. Os dous, con pasado recente no fútbol profesional, coinciden na Malata tras sufrir cadansúa derrota na pasada xornada da Primeira RFEF. Así e todo, están preto do quinto clasificado nunha categoría moi igualada para entrar nas prazas de promoción de ascenso á Segunda División.
O sábado tamén hai encontro de rivalidade na Segunda RFEF, que emitirá en directo a plataforma AGalega.gal a partir das 17:00 h. O Fabril, líder do grupo primeiro, recibe no campo Arsenio Iglesias a Sarriana, que na súa primeira temporada na categoría está evitando os postos perigosos de descenso.
O hóckey a patíns abrirá as retransmisións deportivas do domingo. Ás 12:00 h, desde o Palacio dos Deportes de Riazor, o Liceo e o Barcelona disputarán o partido da xornada na OK Liga coa primeira praza da liga regular en xogo. O conxunto coruñés acaba de empatar a catro goles ante o Benfica na Champions, cedendo dous puntos nos minutos finais. Os afeccionados poderán seguir o clásico a través da G2 e da plataforma AGalega.gal.
O fútbol da Segunda RFEF estará presente o domingo pola tarde en AGalega.gal co enfrontamento entre a Unión Deportiva Ourense e o Coruxo a partir das 17:00 h no campo de Coles. Os dous gozan dun momento doce da temporada, xa que ocupan a cuarta e a quinta praza que permiten entrar nas eliminatorias de ascenso á Primeira RFEF.
‘En Xogo’
O domingo pola noite, a partir das 22:25 h, a G2 abre unha ventá ao histórico programa ‘En Xogo’, centrado nos resumos dos partidos máis importantes do calendario do fútbol galego. Esta xornada o protagonismo é para o Celta-Osasuna, da Primeira, e o Deportivo-Albacete, da Segunda. A primeira canle da TVG redifusiona este espazo, a partir das 00:15 h.
Deportes nos Telexornais
Ademais do fútbol, os espazos de deportes nos informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ atenderán outros contidos, como o baloncesto e o balonmán. O Breogán-Murcia, da Liga ACB, é un dos argumentos xunto á xornada na Primeira Federación: Zamora-Obradoiro, Oviedo-Básquet Coruña e Ourense-Alacant. Na Liga feminina destacan o Biskaia-Baxi Ferrol e o Ensino-Zaragoza. O regreso da Liga Asobal estará centrado en León, coa visita do Cangas ao Ademar.
G24.gal e as redes sociais de 'En Xogo'
A información deportiva tamén está visible na web g24.gal e nas redes sociais de ‘En Xogo’ en X, Facebook e Instagram. A última hora dos equipos galegos, o minuto a minuto dos partidos máis destacados e as historias máis curiosas da xornada deportiva xeran os contidos informativos e de entretemento.