div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Entroido vívese en AGalega.gal con contidos especiais e estreas como 'Vienna Blood' e o humor de 'Galicia crime'

A plataforma ofrecerá unha cobertura diaria do Entroido, amais de pezas divulgativas dedicadas aos folións e aos festexos tradicionais galegos

O documental ‘O país dos mixtos’, o programa de freestyle ‘CeibaRimas’ e tres novos filmes completan as propostas desta semana
 

csag.gal 09/02/2026 11:30

Santiago, 9.2.2026.-  AGalega.gal afronta os vindeiros días cunha programación marcada polo Entroido e por importantes novidades no seu catálogo. A plataforma acaba de estrear unha nova sección especial dedicada a esta celebración, en que se recompila toda a actualidade do Entroido 2026, xunto cunha ampla selección de pezas divulgativas sobre as súas tradicións máis singulares. Este espazo actualizarase a diario con novos contidos, reportaxes e materiais especiais, converténdose nun punto de referencia para vivir e coñecer en profundidade unha das festas máis representativas da cultura galega.

No ámbito da ficción internacional, o martes 10 chegará á plataforma a serie de suspense ‘Vienna Blood’, dispoñible en versión orixinal subtitulada en galego. Ambientada na Viena de comezos do século XX, a produción segue as investigacións dun novo médico discípulo de Sigmund Freud que colabora coa policía na resolución de complexos crimes, combinando os primeiros conceptos da psicanálise co método clásico policial. 

Unha das grandes apostas da semana será a incorporación, o mércores 11, do documental ‘O país dos mixtos’, que recupera a historia do Couto Mixto, territorio singular situado na raia entre Galicia e Portugal e formado polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus. O filme afonda na memoria dunha comunidade con identidade propia e privilexios únicos durante máis de cinco séculos, ofrecendo unha valiosa mirada histórica e cultural sobre este enclave tan especial.

O xoves 12 será o momento para o humor galego coa estrea da webserie ‘Galicia crime’, protagonizada polo detective Dowson e o sarxento Pillei, dous peculiares policías de Carballork que combaten o crime nunha Galicia disparatada e americanizada. Ese mesmo día incorporarase tamén á carta o programa ‘Somos animais’, tras a súa emisión na TVG.

Outra cita destacada será o luns 16 coa chegada de ‘CeibaRimas. O freestyle en galego existe’, un programa especial en catro capítulos que recolle a gran final da principal competición de rap improvisado en galego, con batallas, actuacións e entrevistas que amosan a forza da cultura urbana galega.

A programación complétase con novas estreas cinematográficas, que estarán dispoñibles durante 30 días: o venres 13 chegará o thriller francés ‘Non llo digas a ninguén’, gañador de catro Premios César; o sábado 14 proporase o filme romántico de época ‘A lume lento’, e o martes 17 incorporarase o wéstern ‘O cazador de recompensas’.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade