O ‘Galicia en goles’ acompaña o Celta na súa estrea ligueira fronte ao Valencia - CSAG
O ‘Galicia en goles’ acompaña o Celta na súa estrea ligueira fronte ao Valencia
A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen dezasete horas de información deportiva durante a fin de semana

Santiago, 21.8.2026.- A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen esta fin de semana unha ampla cobertura futbolística no ‘Galicia en goles’, cunha emisión continuada de cinco da tarde a doce da noite tanto o sábado coma o domingo, cun percorrido que vai do fútbol profesional ao fútbol base, pasando polo fútbol sala e as categorías rexionais. Ademais, o programa emitirá emisións informativas o venres ás dez da noite e na fin de semana, tras ‘A crónica’, entre as dúas e cuarto e as tres da tarde.
O sábado, o prato forte chega desde Mestalla, onde o Celta abre a temporada 2026-27 da Primeira División fronte ao Valencia a partir das sete e media da tarde. Os dous conxuntos teñen pendente o seu partido da xornada inaugural xa que o Valencia recibirá ao Real Betis o martes 25 de agosto despois de que a cita se aprazase pola presenza de Giovani Lo Celso na última semana competitiva do Mundial 2026. O Celta, pola súa banda, tiña previsto recibir a Osasuna en Balaídos o domingo 16 de agosto, pero o encontro adiouse por mor dun fungo detectado no céspede do estadio. A nova data fixada é o xoves 27 de agosto, polo que o de Mestalla convértese na primeira toma de contacto ligueira para os dous equipos.
Tamén o sábado, a Radio Galega segue desde Noia a final da fase autonómica da Copa RFEF, que enfronta o Bergantiños e o Boiro. Os carballeses chegaron á final tras eliminar a Montañeros, Silva e, nunha rotunda semifinal, o Rácing Vilalbés por 0-8. Os de Barraña, pola súa banda, deixaron polo camiño o Céltiga e o Antela, ao que bateron por 0-1 en Xinzo. O gañador proclamarase campión galego da Copa Federación e conseguirá billete para a fase nacional do torneo, xunto aos outros campións autonómicos.
A programación complétase co IX Trofeo Portus Apostoli de fútbol sala, que remata no pavillón Agustín Mourís coa final e co partido polo terceiro posto, en formato cuadrangular e cun cartel de altura: o anfitrión Noia, O Parrulo Ferrol, o Illes Balears Palma Futsal, que é o subcampión da última UEFA Futsal Champions League, e a selección de Indonesia, convidada de luxo, Ademais, a Radio Galega tamén estará presente na primeira fase do Unindo Camiños de fútbol feminino, torneo que este ano convidou ao Deportivo, As Celtas, Spórting de Braga e Famalicão como referentes de Galicia en Portugal.
O domingo, o programa céntrase na ida da final da Supercopa de Galicia, entre a S. D. Negreira e o Auriense. Os locais defenden o título conquistado a pasada temporada fronte á Cultural Areas e chegaron a esta nova final tras impoñerse con claridade ao Guntín. Os ourensáns, pola súa banda, selaron o pase nos penaltis ante o Alertanavia. En xogo está unha praza na fase previa da Copa do Rei, aínda que todo dependerá do que suceda no compromiso de volta previsto para o 30 de agosto en Oira.
Tamén o domingo, o ‘Galicia en goles’ dará cobertura ao tradicional torneo triangular Manolo Martín, no campo A Arliña, no que se cruzarán o anfitrión Muxía C. F., o Bergantiños F. C. e o Pontevedra C. F., en tres partidos consecutivos a partir das cinco da tarde. A cita ten especial interese para os granates, que pechan así a súa pretemporada exactamente días antes de estrearse na Primeira RFEF o venres 28 de agosto fronte ao Real Avilés Industrial, tras un verán de seis amigables. A fin de semana péchase coa gran final do Unindo Camiños, que coroa o campión feminino do torneo que se disputa no campo de Santa Isabel, en Santiago de Compostela.