O 'Galicia en Goles' da Radio Galega estará centrado este sábado no Celta-Español desde Balaídos - CRTVG
O 'Galicia en Goles' da Radio Galega estará centrado este sábado no Celta-Español desde Balaídos
Mirandés-Deportivo e Salamanca-Pontevedra son os partidos destacados do domingo

Santiago, 10.04.2025.- O equipo deportivo da Radio Galega ten preparada para esta fin de semana unha ampla despregadura, co punto de partida na noite do venres entre as 20:30 e as 00:00 h coa primeira entrega do ‘Galicia en Goles’. Roberto Carlos Carballo analizará cos protagonistas todo o calendario das ligas de fútbol, xunto ás citas máis destacadas do polideportivo.
O sábado, desde as 14:20 h, o programa que dirixe Xoán Galán comezará cunha ampla reportaxe adicada aos centos de seareiros do Pontevedra que preparan a viaxe a Salamanca para vivir a primeira opción de ascenso do club de fútbol. Logo chegarán as retransmisións do día, que arrancarán co Deportivo-Badalona da Primeira Feminina en Riazor e os partidos adiantados da Segunda RFEF: Bergantiños-Langreo, Llanera-Fabril e Laredo-Compostela.
A partir das 18:30 h, toda a atención pasará por Balaídos, onde o Celta de Vigo recibe o Español de Barcelona co obxectivo de sumar os tres puntos que lle permitan manter a praza que dá dereito a próxima temporada a disputar a Europa League. Xa ás 21:00 h, o último treito estará dedicado ao fútbol profesional da Segunda División desde o Carlos Tartiere co Real Oviedo-Rácing de Ferrol. No polideportivo destacarán durante a tarde o Obradoiro-Palencia, da Primeira Federación de baloncesto masculino, e o Cangas-Torrelavega, da Liga Asobal de balonmán.
Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 11:45 h para darlle cobertura ao fútbol da Primeira RFEF, cun partido chave para o Club Deportivo Lugo no Stadium Gal ante o Real Unión de Irún. Tamén terá cabida a Terceira desde o estadio do Couto, onde o líder, a Unión Deportiva Ourense, recibe o Estradense, outro dos candidatos a subir de categoría ao final da presente temporada. O Celta-Pontevedra, da División de Honra xuvenil, completará a oferta de retransmisións.
A partir das 14:20 h, a xornada da tarde xirará arredor do estadio Anduva co Mirandés-Deportivo, da Segunda profesional. Tras encadear dous triunfos consecutivos, o cadro coruñés viaxa coa ilusión de sumar outros tres puntos que lle permitan soñar con entrar na fase de ascenso á Primeira. Outro punto de directo será o histórico Helmántico de Salamanca, onde o Pontevedra pode alcanzar de xeito matemático o ascenso á Primeira RFEF sempre que sume os tres puntos e non gañe o Numancia ao Ávila nos Pajaritos. O Ximnástica Segoviana-Celta Fortuna e o Arenteiro-Ourense C. F., da Primeira RFEF, completan a axenda dominical. A partir das 22:00 h, cando xa deixe de rodar o balón, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ analizarán todo o sucedido cos equipos galegos nas principais categorías.
Xirona-Breogán, por AgalegaAudio.Gal
A tarde do sábado ten unha reserva na plataforma AGalegaAudio.gal. Desde as 18:00 h, os seareiros do Breogán de Lugo poderán escoitar de xeito íntegro a retransmisión do partido da Liga ACB que o seu equipo disputa na cancha do Xirona, adestrado polo técnico santiagués Moncho Fernández.
A Radio Galega, nos audios das televisións
Esta xornada os afeccionados poderán escoitar as seguintes retransmisións dos seus equipos nas opcións de audio das televisións con dereitos. O sábado, ás 18:30 h, o Celta-Español contará coa narración de ‘Galicia en Goles’ na canle La Liga Tv Bar. No caso do fútbol de Segunda, as narracións do Oviedo-Rácing de Ferrol do sábado ás 21:00 h e do Mirandés-Deportivo do domingo ás 18:30 h estarán presentes no audio 2 dos operadores con dereitos.
#GaliciaEnXogo
Este sábado, o proxecto #GaliciaEnXogo terá só unha emisión debido aos horarios das retransmisións futbolísticas. Ás 23:30 h, Toni López García resumirá a información olímpica da semana, centrada na padexeira de Cangas Teresa Portela.