O ‘Galicia en goles’ destaca esta fin de semana as retransmisións dos partidos Celta-Rácing e Deportivo-Betis - CSAG
O ‘Galicia en goles’ destaca esta fin de semana as retransmisións dos partidos Celta-Rácing e Deportivo-Betis
O programa tamén dará cobertura ao Almería-Celta Fortuna e as Ligas da RFEF

Santiago, 17.9.2026.- A Radio Galega e AGalegaAudio.gal despregarán ‘Galicia en goles’ en tres xornadas de emisión, do venres ao domingo, con 26 horas de retransmisións deportivas centradas nos equipos da nosa comunidade.
O venres, desde as oito da tarde, o Básquet Coruña presenta o seu proxecto renovado, dirixido por Carles Marco e con seis incorporacións, nun partido moi especial. O equipo volve ao Palacio despois de 867 días sen competir alí, tras verse obrigado a trasladar o encontro de presentación polos concertos de Dani Fernández e Silvio Rodríguez no Coliseum. O deporte da canastra tamén estará presente desde Ourense, coa celebración do As Burgas Cup.
Ademais, o Pontevedra encara o seu segundo venres en catro xornadas na Primeira RFEF, visitando ao líder do grupo un, a Unión Deportiva Logroñés. A derrota fronte ao filial do Athlétic de Bilbao en Pasarón arrefriou a euforia granate, que ten como positivo o feito de que neste inicio ata sete xogadores granates participaron de forma directa nos seis goles anotados nas tres primeiras citas ligueiras. Outro punto de directo será A Malata, xa que o Parrulo recibe o Santa Coloma na Primeira División de fútbol sala.
O sábado, a partir das dúas e cuarto, a atención estará posta en Balaídos. O Celta chega á sétima xornada sen coñecer aínda a vitoria na Liga, aínda que o seu rival, o Rácing de Santander, só sumou un triunfo. O equipo de Claudio Giráldez non acaba de sentirse cómodo e vén de perder en Nicosia ante o Omonia na primeira xornada da Europa League.
Antes de Vigo, os micrófonos da Radio Galega estarán na Malata co Rácing de Ferrol-Barakaldo, de Primeira RFEF. No polideportivo, o Cangas recibe ao Bidasoa Irún, equipo que esta temporada vai competir na EHF European League.
Xa o domingo, a edición matinal comeza ás doce menos cuarto con cita de filiais na Primeira RFEF. O Fabril visita ao Athlétic B en Lezama, á mesma hora que o Deportivo da Primeira División feminina xoga en Granada. O baloncesto completa a primeira entrega co partido de presentación do Obradoiro no Sar ante o Unicaja Málaga.
A cita máis importante do domingo situaranos en Riazor. O Deportivo de Antonio Hidalgo pecha unha esixente semana de tres partidos en sete días ante o Betis, un club que este curso compaxina a Champions coa competición doméstica. A derrota do mércores ante o Sevilla proe na afección herculina, aínda que a situación na táboa é inmellorable, con nove puntos de dezaoito posibles.
Ademais, o ‘Galicia en goles’ seguirá no Mediterráneo o Almería-Celta, de Segunda División. A axenda futbolística complétase co Zamora-Lugo, de Primeira RFEF, e a xornada na Segunda e Terceira RFEF.
#GaliciaEnXogo
O domingo pola noite, a partir das once, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo atenderá a outros protagonistas do deporte galego. A partir das once, Rodrigo Pérez actualizará a información do motor na semana previa ao rally do Carballiño e co final do Mundial de motocrós en que competiu o vigués Rubén Fernández. Mentres, Toni López convidará ás once e media a deportistas galegos que traballan durante este ciclo olímpico co obxectivo de entrar nos Xogos dos Ánxeles 2028.