div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O 'Galicia en Goles' estará este xoves en Anoeta para retransmitir o Real Sociedade-Celta

A Radio Galega e AgalegaAudio.gal ofrecen este partido adiantado desde as 20:00 h

csag.gal 02/09/2026 17:21

Santiago, 02.09.2026.-    A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecerán este xoves, de 20:00 a 00:00 h, a retransmisión íntegra do Real Sociedade-Celta desde o estadio de Anoeta, correspondente á Liga de Primeira División. O partido, previsto inicialmente para o 16 de setembro, adiántase a esta data porque o Celta disputa ese mesmo día o primeiro encontro da fase de liga da Europa League en Chipre, ante o Omonia Nicosia.

O Celta chega a esta cita nun momento moi complicado. O equipo dirixido por Claudio Giráldez suma un único punto en tres xornadas, tras o empate sen goles en Mestalla ante o Valencia, a derrota en Balaídos fronte ao Osasuna (1-2) e a caída tamén como local ante o Athlétic Club (0-2), resultado que afunde os célticos na zona baixa da táboa.

Mentres, a Real Sociedade suma tres puntos tras derrotar o pasado sábado o Espanyol por 2-1. Antes perdera no Bernabéu por 4-1 ante o Real Madrid e no Benito Villamarín ante o Betis por 1-0. Os donostiarras contan nas súas ringleiras con Oyarzabal, campión do mundo coa selección española e futbolista que pode ser un pesadelo para a defensa celeste.

A retransmisión chegará pola FM de Radio Galega e tamén a través da plataforma AGalegaAudio.gal. Roberto Carlos Carballo dirixirá un día máis o ‘Galicia en Goles’, coa narración de Víctor López, os comentarios en materia arbitral de 'Mr. Asubío' e a análise de Jose Valtierra, adestrador, e Alejandro Reza, especialista na actualidade do conxunto vigués.

O Real Sociedade-Celta abre unha semana chea de retransmisións deportivas na emisora autonómica. O venres, tamén a partir das 20:00 h, destaca o Ponferradina-Lugo, o derbi dos Ancares, desde o Toralín. O sábado, a partir das 14:15 h, a atención estará posta no Madrigal co Vilareal-Deportivo. Xa o domingo, de 11:45 a 00:00 h, o fútbol das ligas da RFEF e a final da Copa Galicia de baloncesto compartirán protagonismo. Por último, o luns, desde as 18:45 h, o Celta volverá saltar ao terreo de xogo, desta volta para visitar o Xetafe no Coliseo, cos micrófonos da Radio Galega en directo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade