div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O ‘Galicia en goles’ retransmite este sábado o Mallorca-Celta 

O domingo, protagonismo para o Deportivo-Burgos

csag.gal 21/08/2025 10:00

Santiago, 21.08.2025.-  A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecerán esta fin de semana  unha ampla programación deportiva coa retransmisión dos partidos correspondentes á segunda xornada da Liga de fútbol profesional. Roberto Carlos Carballo conducirá o ‘Galicia en goles’ durante dezaseis horas repartidas en dous días.                                        

O sábado, desde as catro da tarde, toda a atención estará posta no estadio de Palma, onde o Celta visita o Mallorca. Os dous comezaron o campionato sufrindo cadansúa derrota como locais e sen conseguir facer gol. A derrota balear era se cadra agardada, porque o rival foi o actual campión, o Barcelona, mentres no conxunto de Claudio aínda proe o 0-2 encaixado ante o Xetafe en Balaídos. Víctor López acompaña o Celta nesta primeira viaxe do curso e estará arroupado polos comentarios do adestrador Jose Valtierra e a análise arbitral de ‘Mr Asubio’. Durante a tarde, o programa tamén atenderá o trofeo Concepción Arenal na Malata, onde o Rácing de Ferrol se presenta ante a súa afección enfrontándose ao filial do Celta, o Fortuna. Outro dos amigables que terán cobertura é o que disputará o Pontevedra en Barraña fronte ao Boiro.

O domingo, a sesión de tarde principia tamén ás catro coa retransmisión desde Riazor do Deportivo-Burgos. Na primeira hora, o micrófono azul sen fíos despregado polos exteriores recollerá o ambiente na festa organizada pola federación de seareiros, na que a gastronomía e a música serán as protagonistas. Logo chegará o partido contado por Javi Torres coa análise de Xosé Manuel Traba e Fer Romero. Tras a cita da Segunda División haberá tempo de estar ao tanto da final da Supercopa Galicia entre o Areas e o Negreira no campo da Lomba.

Audio nas televisións 

Esta xornada está previsto que os operadores de televisión conecten coa Radio Galega para ofrecer as emisións dos partidos Mallorca-Celta e Deportivo-Burgos a través das diferentes opcións de audio. Deste xeito, os espectadores poderán ver o seu equipo coa narración de ‘Galicia en goles’.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade