O 'Galicia en goles' viaxa co Deportivo a Vilarreal e co Celta a Xetafe na Liga de fútbol - CSAG
O 'Galicia en goles' viaxa co Deportivo a Vilarreal e co Celta a Xetafe na Liga de fútbol
O Ceuta-Fortuna e as ligas da Federación terán cobertura desde o venres e ata o luns

Santiago, 04.09.2026.- A FM de Radio Galega e a plataforma AGalegaAudio.gal ofrecen entre este venres e o vindeiro luns unha das programacións futbolísticas máis intensas do comezo da temporada, cos partidos do Deportivo, Celta e Fortuna nas categorías profesionais xunto aos equipos galegos que participan nas tres categorías dependentes da RFEF.
O ‘Galicia en goles’ pon en antena a primeira edición coa novidade de ampliar trinta minutos máis a edición do venres, de oito da tarde a doce da noite. O C. D. Lugo, que estreou a Liga cunha vitoria a domicilio fronte aos Unionistas de Salamanca (1-3), visita á Ponferradina na segunda xornada coa intención de confirmar o bo arranque do curso tempada.
O sábado a atención pasará polo Vilarreal-Deportivo, correspondente á cuarta xornada de Primeira División. Os coruñeses chegan sen coñecer aínda a derrota tras tres xornadas: empate a un no seu regreso á elite fronte ao Elx, novo empate en Málaga (1-1) e a primeira vitoria ante o Valencia (3-1) en Riazor, resultados que os sitúan con cinco puntos. Pola súa banda, o Vilarreal, terceiro clasificado a pasada liga e habitual en competición europea, chega tras empatar (2-2) no seu desprazamento ao Metropolitano fronte ao Atlético de Madrid.
Antes da cita do Madrigal, o programa atenderá á visita do Celta Fortuna a Ceuta, na xornada de Segunda División profesional. Tamén haberá cobertura para a Primeira RFEF, na que a U. D. Ourense visita ao Mirandés e o Pontevedra recibe o Arenas Club no Baltar de Portonovo, polo mal estado do céspede de Pasarón.
Ademais, a FM de Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecerán as semifinais da Copa Galicia de baloncesto, con tres equipos da ACB 2026-27, Obradoiro, Breogán e Básquet Coruña, xunto ao Ourense Baloncesto como representante da Primeira FEB.
A edición do domingo principia ás doce menos cuarto do mediodía co Deportivo Fabril en Riazor ante o Cacereño, mentres no Vero Boquete o Compostela volve á Segunda RFEF recibindo ao Marino. A visita do Deportivo a Tenerife na Primeira F completa a xornada matinal. A partir das dúas e cuarto e ata as doce da noite, o ‘Galicia en goles’ seguirá a visita do Rácing de Ferrol a Almendralejo para visitar o Estremadura e o Ourense C. F.-Barakaldo, de Segunda RFEF, xunto á primeira xornada da Terceira RFEF. A final da Copa Galicia de baloncesto completa a oferta do día.
Esta xornada terá continuidade o luns co Xetafe-Celta, correspondente á cuarta xornada de Primeira División. Desde as sete menos cuarto da tarde, Roberto Carlos Carballo conducirá unha edición especial ata as dez da noite para contar todo o que sucede no Coliseo, tanto no céspede como na sala de prensa e na zona mixta de futbolistas. Os celestes veñen de empatar o pasado xoves en Anoeta a cero goles, polo que suman dous puntos de doce posibles, curiosamente os dous empates logrados lonxe de Balaídos.
#GaliciaEnXogo
O domingo pola noite, contra as once, comeza unha nova temporada do proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. Rodrigo Pérez resumirá na primeira media hora o rally Terra de Galicia, disputado en nove concellos da provincia da Coruña. Mentres, ás once e media, Toni López recomeza o ciclo de entrevistas aos deportistas galegos que soñan con competir como olímpicos nos Ánxeles dentro de dous anos.