O Lugo-Pontevedra e o Sevilla-Deportivo feminino protagonizan as retransmisións do sábado na G2 - CSAG
O Lugo-Pontevedra e o Sevilla-Deportivo feminino protagonizan as retransmisións do sábado na G2
O domingo, a plataforma AGalega.gal ofrecerá multifútbol de Segunda RFEF, con tres partidos: U. D. Ourense-Bergantiños, Fabril-Segoviana e Coruxo-Sámano

Santiago, 21.11.2025.- Esta fin de semana vén chea de fútbol na programación deportiva da Televisión de Galicia. A segunda canle conectará o sábado, ás 12:00 h, coa cidade deportiva do Sevilla, onde o Deportivo da Coruña afronta ante o cadro andaluz a décimo segunda xornada da Primeira División feminina. Logo de derrotar o Levante en Riazor por 1-0, as xogadoras herculinas volveron recuperar a tranquilidade na clasificación e deixan o descenso a cinco puntos.
Pola tarde, a Primeira RFEF convocará os espectadores da G2 a presenciar desde o Anxo Carro o derbi entre o Club Deportivo Lugo e o Pontevedra. A Televisión de Galicia e a Radio Galega aproveitarán este partido de históricos para continuar coas celebracións dos 40 anos de existencia. Os seareiros que acudan ao estadio poderán presenciar a actuación da mascota da Corporación, Xabarín, que acompañará a Nabic, o símbolo do equipo local, para agasallar os máis cativos.
O Lugo e o Pontevedra veñen de sumar cadanseu empate na xornada pasada, que os deixa nunha situación cómoda na clasificación, aínda que un chisco lonxe dos primeiros que optan ao ascenso directo e á promoción. O equipo que resulte derrotado pode quedar descolgado respecto á zona privilexiada.
O domingo, a plataforma AGalega.gal reserva tres horas para as emocións do fútbol de Segunda RFEF. No formato multifútbol ofrecerá tres encontros. No Couto haberá derbi entre a Unión Deportiva Ourense e o Bergantiños, mentres que o Fabril recibe no campo Arsenio Iglesias a Ximnástica Segoviana. Por último, o campo do Vao acollerá o Coruxo-Sámano.
‘En Xogo’, na TVG
O domingo pola noite, contra as 23:00 h e unha vez rematada a xornada de fútbol profesional, Sevi Martínez conduce o histórico programa deportivo ‘En Xogo’, que se emite pola primeira canle da TVG. Desta volta, o equipo de deportes centrarase nos resumos do Alavés-Celta, disputado en Mendizorroza, e do Deportivo-Ceuta, desenvolvido en Riazor.
Os ex futbolistas Roberto Lago e Dani Mallo, xunto ao xornalista Javier Guillén e o doutor Alejandro Reza, sentaranse na mesa de debate para opinar da imaxe ofrecida polos representantes galegos. Para achegar luz sobre as xogadas polémicas estará o colexiado Xabier Rodríguez Campos, autor do libro ‘Arbiquepitas’.
O último treito do programa, da man de Gustavo Varela, está dedicado a debullar todos os goles da fin de semana nas categorías dependentes da Federación Española e na Primeira División do fútbol feminino.