O partido dos 40 anos da Televisión de Galicia xunta os xogadores do Celta e Dépor da Liga Genuine - CRTVG
O partido dos 40 anos da Televisión de Galicia xunta os xogadores do Celta e Dépor da Liga Genuine
Caras coñecidas da canle e traballadores dos medios públicos xogan o domingo na Madroa un partido pola inclusión no deporte
A CRTVG fai neste 2025 40 anos de vida e 40 anos de retransmisións de fútbol galego

Santiago, 13.06.2025.- A TVG fai 40 anos de vida neste 2025, e 40 anos de retransmisións de fútbol galego. Para festexalo, o domingo celebrarase na Madroa (Vigo) un partido moi especial no marco da última xornada do torneo MS2, que acolle un encontro entre os equipos Genuine de Celta e Dépor. Xusto despois deste terá lugar o partido de celebración (12:15 h), en que os xogadores da TVG e da Radio Galega, capitaneados por Terio Carrera, xogarán mesturados cos xogadores do Celta e do Dépor.
A CRTVG participa desta festa do fútbol, na última xornada do torneo que organiza desde hai seis anos o que fora xogador do Celta, do Real Madrid e da selección española Míchel Salgado. Ademais, a edición matinal do ‘Galicia en goles’ da Radio Galega situará a audiencia no campo da Madroa, en Vigo, para retransmitir o torneo e informar en directo do partido do 40 aniversario.
O torneo MS2 conta coa participación de 140 equipos e 2.000 xogadores con idades comprendidas entre os 8 e os 19 anos. A Liga Genuine é a competición de fútbol para persoas do colectivo DI (discapacidade intelectual) que organiza a Fundación LaLiga, e que representa o compromiso do fútbol profesional coa diversidade e a inclusión.