div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Rácing de Ferrol-Arenteiro da Primeira RFEF e o Erice-Guardés da European Cup de balonmán, este sábado, na segunda canle da TVG

AGalega.gal ofrece esta fin de semana os partidos de Segunda RFEF Fabril-Sámano e Bergantiños-Marino

csag.gal 23/01/2026 16:59

Santiago, 23.01.2026.-    Os espectadores da segunda canle da Televisión de Galicia teñen este sábado sesión continua de deporte. A partir das 16:15 h, o fútbol será o protagonista co derbi galego na Malata entre o Rácing de Ferrol e o Arenteiro

O equipo departamental chega a este encontro coa necesidade de reencontrarse coa vitoria tras a goleada encaixada ante a Ponferradina por 3-0. Mentres, o cadro do Carballiño experimentou unha lixeira mellora ao empatar en Pasarón fronte a Pontevedra a un gol.

Ao remate do fútbol chegará o balonmán europeo desde o Palazzetto dello Sport Pino Cardella de Sicilia, co desenlace da eliminatoria de oitavos de final da European Cup entre o Erice e o Guardés. O conxunto galego defende a renda de tres goles obtida a semana pasada na Sangriña, tras gañar por 25-22.

Tamén o sábado, a plataforma AGalega.gal reserva dúas horas para o deporte, coa emisión ás 17:00 h do partido da Segunda RFEF entre o Fabril Deportivo e o Sámano desde o campo Arsenio Iglesias de Abegondo. O domingo, tamén ás 17:00 h, será a quenda nas Eiroas para outro encontro desta categoría, co enfrontamento entre o Bergantiños de Carballo e o Marino de Luanco.

‘En Xogo’

O domingo, ás 22:25 h pola G2 e en diferido ás 00:30 h pola primeira canle da TVG, os afeccionados ao fútbol teñen unha cita co histórico programa ‘En Xogo’, conducido por Gustavo Varela. Esta xornada a atención estará posta no Real Sociedade-Celta, da Primeira División, e no Deportivo da Coruña-Rácing de Santander, da Segunda. 
    
O Celta viaxa a Anoeta tras garantir a súa presenza na eliminatoria intermedia da Europa League e aínda con opcións matemáticas de entrar directamente nos oitavos de final. Antes de viaxar a Belgrado para visitar o Estrella Roja, o equipo de Claudio pasa por San Sebastián para medirse a un rival que vai a máis co cambio de adestrador e que foi quen de derrotar ao Barcelona a pasada semana.                                      

Para o Deportivo, a visita do Rácing de Santander a Riazor soa a final anticipada polo ascenso á Primeira División, xa que o equipo cántabro é o líder sólido da categoría, cunha vantaxe de catro puntos respecto aos coruñeses.

Ademais do fútbol profesional, os espectadores da TVG e da G2 poden ver todos os goles dos equipos galegos nas categorías da RFEF e na Primeira División feminina.

Deportes nos Telexornais

Os informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ reservan na fin de semana amplos espazos para a información deportiva. Ademais de todo o que aconteza nas ligas de fútbol, tamén será noticia o Breogán-Real Madrid, da Liga ACB de baloncesto, xunto á semifinal da Copa Federación entre o Ourense e o Estudiantes. Na competición feminina destacan o Estepona-Baxi Ferrol e o Ensino-Joventut.

Redes sociais

As contas de X e Instagram de ‘En Xogo’ e a web G24.gal informan e entreteñen sobre os equipos e deportistas galegos de alta competición durante toda a fin de semana. Nos últimos días, a saída de Dro ao París Saint Germain e a celebración das peñas do Deportivo tras a vitoria en Almería foron tendencia nas redes sociais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade