O Rally Rías Baixas abre este sábado o calendario de retransmisións do verán na G2 e AGalega.gal - CRTVG
O Rally Rías Baixas abre este sábado o calendario de retransmisións do verán na G2 e AGalega.gal
A Liga ACT de Traiñeiras, que conta coa participación de dúas embarcacións galegas, tamén será protagonista na fin de semana coas primeiras bandeiras da temporada, a de Bilbao e a de Sestao

Santiago, 04.07.2025.- As retransmisións do mes de xullo na Televisión de Galicia comezan na tarde deste sábado co Supercampionato de España de Rallys e a Liga ACT de Traiñeiras como protagonistas. Ás 15:00 h, a segunda canle da TVG e a plataforma AGalega.gal contarán o que suceda na primeira pasada polo treito do Castro dentro do Rías Baixas. A partir das 17:10 h chegará a cita coa primeira bandeira da Liga ACT desde Bilbao. Por último, ás 20:00 h, as cámaras volverán recoller os principais vehículos participantes no rally vigués coa segunda visita ao Castro.
O Rally Rías Baixas introduce este ano varios cambios, coincidindo coa 58ª edición. A cidade de Vigo recobra gran parte do protagonismo e recupera o treito do Castro catro anos despois, converténdose no principal atractivo do circuíto. De feito, a segunda visita poralle punto final á proba. Os espectadores da Televisión de Galicia estarán xa informados desde o venres, xa que o ‘Telexornal Deportes’ das 15.15 h instalará o estudio móbil no parque pechado da competición.
O domingo, as traiñeiras tomarán a grella da xornada matinal na G2 e AGalega.gal coa segunda bandeira da Liga ACT, desta volta na localidade vasca de Sestao. En total, son doce as embarcacións que compiten na categoría masculina, dúas delas galegas, a de Ares e a de Cabo de Cruz. A lista de participantes complétana Bermeo, Donostiarra, Getaria, Hondarribia, Kaiku, Lekittara, Ondarroa, Ziérbana, Orio e San Juan. Cada bandeira principiará coa proba feminina, en que están inscritas oito tripulacións e na que non hai representación galega. Os afeccionados de Galicia terán que agardar ata o mes de agosto para ver en acción as mellores traiñeiras, coa celebración das bandeiras da Pobra do Caramiñal e de Boiro programadas para os días 9 e 10.
Durante o verán, as traiñeiras da Liga Galega tamén chegarán aos afeccionados a través das cámaras da televisión autonómica e da plataforma AGalega.gal. A primeira regata programada é a do próximo sábado día 12 de xullo no Grove.
As motos tamén terán presenza na grella do verán, xa que o Mundial MXGP, co vigués Rubén Fernández na competición, retoma o calendario o domingo 13 co Gran Premio de Finlandia. A finais de mes, os pilotos viaxarán ata Chequia e no mes de agosto terán citas en Bélxica, Suecia e os Países Baixos.
Deportes nos Telexornais
Os informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ reservan tamén durante esta época vacacional amplos espazos á información deportiva. O Mundial de Clubs vai entrar xa na última semana de competición, mentres o mercado de fichaxes está vivindo aínda os primeiros movementos da pretemporada.