div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O videopodcast 'Satélite Xabarín', entre as estreas destacadas de AGalega.gal e AGalegaAudio.gal esta Semana Santa

Desde o martes, esta nova proposta viaxa pola historia do ‘Xabarín Club’, arredor das súas cancións, series e estrelas musicais

O humor irreverente de ‘Mataría’, a microserie do cómico Pedro Brandariz, chega o luns a AGalega.gal

Complétanse as novidades, con cine e retransmisións especiais e relixiosas para conmemorar estas datas festivas

crtvg.gal 14/04/2025 11:00

Santiago, 13.04.2025.-  A Semana Santa 2025 chega cargada de novidades nas plataformas dixitais AGalega.gal e AGalegaAudio.gal, con estreas que inclúen desde unha microserie de humor ata videopodcasts históricos, ficción e contidos especiais para conmemorar estas datas festivas. O martes (15 de abril), estréase ‘Satélite Xabarín’, un videopodcast que orbita pola historia do icónico ‘Xabarín Club’, arredor das cancións e series que forman xa parte da memoria colectiva do país e que se poderán coñecer mellor da man das persoas que as protagonizaron. 

O primeiro episodio estará centrado en Herdeiros da Crus, grupo que viviu un cambio radical na súa carreira grazas ao programa infantil.  ‘Que ghallo é’ e ‘Íscalle lura’ foron éxitos instantáneos no ‘Xabarín Club’, e da noite á mañá os integrantes do grupo, uns rapaces do Barbanza, pasaron a ser estrelas que aínda seguen brillando. Tuchiño sobe ao ‘Satélite Xabarín’ para lembrar aquela época. ‘Satélite Xabarín’ estará dispoñible en formato audio e vídeo na plataforma AGalegaAudio.gal e tamén en AGalega.gal, e cada 15 días se lanzará un novo episodio.

Tamén o martes, AGalega.gal ofrecerá o terceiro capítulo de ‘Punto Nemo’, o thriller de ciencia ficción cuns personaxes que loitan por sobrevivir nunha illa chea de misterios e secretos. Coa trama cada vez máis intensa, o capítulo explora un misterioso envelenamento, segredos soviéticos e restos da estación MIR e unha serie de criaturas descoñecidas que poñen en risco a vida dos seus protagonistas. O episodio estará dispoñible durante 15 días.

O humor de ‘Mataría’, unha microserie protagonizada por Pedro Brandariz

Pero AGalega.gal estrea xa o luns a temporada completa de ‘Mataría’, unha microserie de humor protagonizada por Pedro Brandariz. Achega unha historia de comedia irreverente en que o personaxe principal, Pedro, un antiheroe anónimo, afronta as pequenas crises cotiás dun modo desmesurado. O personaxe central da serie ‘asasina’ das maneiras máis insospeitadas aquelas persoas que o alporizan no día a día. 

Amais, AGalega.gal poñerá o mércores á disposición do público as 25 tempadas de ‘Libro de familia’, unha das series clásicas da CRTVG, que narra a historia de tres familias galegas de distinta procedencia social na ficticia vila de Santalla nos anos 60. 

E para os amantes do cine, o xoves chega a película ‘Million Dollar Baby’, dirixida e protagonizada por Clint Eastwood, que estará dispoñible durante 30 días.

Unha sección especial dedicada ás procesións de Viveiro e Ferrol

Como peche da semana, o venres, AGalega.gal incorporará unha sección especial dedicada á Semana Santa 2025, con programas e retransmisións das procesións de Ferrol e Viveiro, entre outros contidos festivos destas datas.


 

 


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade